Non sermos profetas na terra (unha imaxe do nadal)


(Fotografía tirada con dispositivo móbil esta mesma mañá. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Cee, vila costeira na que nacín, posúe tres pequenas librarías papelarías nas que o libro non é o valor principal por mor do escaso interese lector. Malia iso é un concello feraz en autoras e autores, que atesouramos a virtude de non sermos profetas na nosa propia terra.
Unha imaxe tirada con dispositivo móbil esta mesma mañá de nadal amosa o escaparate dunha desas tres librarías na que se poden observar varias cousas: a primeira é a ausencia das autoras e dos autores da localidade, malia un bo número termos novidades editoriais recentes, das que axiña farei mención; a segunda, moi común a moitas outras librarías de calquera localidade galega, é o escaso espazo que ocupan os libros na nosa lingua fronte ao castelán, de premerdes na imaxe pódese ollar unicamente a serie televisiva dos Larpeiros e as memorias do ex-presidente Emilio Pérez Touriño, que edita Galaxia, e o último libro de Manuel Rivas, As voces baixas, que editou Xerais. Para maior gravidade deste último aparecen as versións castelán e galega e pódese ollar como a primeira está superposta e tapando a edición orixinal en galego. Cousas veredes!
Deseguida ofrezo unha listaxe de autoras e autores da vila que publicamos algo nos últimos meses:
Concha Blanco (Lires, Cee, 1950) publicou este mesmo ano Luces, bicos e cores (Edicións Embora).
Eu propio (Cee, 1965) Rebelión na charca (Sotelo Blanco) e Breizh (Toxosoutos).
Rafa Vilar (Cee, 1968) Patente de corso (Edicións Embora).
Estevo Creus (Cee, 1971) Balea2 (Positivas), que aínda se presentou o pasado xoves na compostelá sala Kunsthalle.
María Canosa (Cee, 1978) Acuario (Edicións Embora) e Xiana, a nena pirata (Everest Galicia).
María Lado (Cee, en realidade nun taxi, 1979) Amantes (Caldeirón).
Por non falarmos dunha persoa tan vencellada á parroquia ceense de Toba coma Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que publicou de maneira recente Robinson contado polas alimarias (Oxford) e A vaca caníbal (Galaxia) ou das autoras e dos autores de Corcubión, fisterráns ou muxiáns. Literatura a esgalla de nós que se oculta, como xa pasou nas últimas Feiras do Libro de Cee.
Son vendedores de libros que o poderían ser de zapatos de importación, sen interese pola nosa literatura. Como dicía Castelao no seu conto sobre dona Micaela, unhas das súas Cousas das que adoito botar man nas miñas aulas, «Non vos riades, porque o conto é triste».
Polo que a min propio atinxe aconsellarei mercar os meus libros onde os visibilizan, coma as compostelás Libraría Couceiro e Libraría Pedreira, ou Á lus do candil, que abriu o poeta Modesto Fraga en Arteixo, por citarmos algunhas da nosa estima e consideración.

Esta entrada foi publicada en Contos, Fotografía, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.