Sinaturas para o manifesto «Boicote cultural a Israel»


Para que as crianzas palestinianas teñan a chave do seu futuro, esta mañá asinei o manifesto «Boicote cultural a Israel» porque concordo plenamente co seu contido. Se queres tamén ti podes aínda facer parte dos asinantes nesta ligazón de saramaganta.
No entanto podes ler deseguida o texto que subscribimos:
Boicote Cultural a Israel
As reiteradas violacións do dereito internacional e o absoluto desprezo que Israel manifesta polas innumerábeis Resolucións das Nacións Unidas que condenan as súas políticas coloniais, discriminatorias e ilegais; o fracaso das iniciativas emprendidas para que estado sionista acate o dereito humanitario e poña fin á ocupación de Palestina e á opresión das súas xentes; o respaldo que a comunidade internacional deu sempre a formas non violentas de combate contra a inxustiza están na base do apelo que lanzaron en 2005 mais de 150 colectivos palestinos en demanda de solidariedade na súa loita por restaurar os agredidos dereitos do seu pobo.
Boicote, desinvestimento e sancións a Israel
As persoas que asinamos este escrito, traballadoras e traballadores das artes escénicas, a música, a literatura, o audiovisual, o xornalismo e as artes plásticas queremos sumar á nosa voz a esta campaña global que nace da iniciativa da sociedade civil en apoio das demandas de xustiza do pobo palestino.
1. – O fin da ocupación e a colonización e o desmantelamento do Muro que divide Palestina, cuxa construción foi declarada ilegal pola ONU en 2004.
2.- O recoñecemento dos dereitos fundamentais dos palestinos e palestinas residentes no estado de Israel até a total igualdade con o resto das persoas que habitan ese espazo político;
3.- O respecto, a protección e a promoción do dereito ao retorno das persoas expulsadas da súa terra en 1948 polo exército regular e os grupos paramilitares sionistas e a devolución das súas propiedades nos termos estipulados pola resolución 194 das Nacións Unidas.
Comprometémonos a non presentar as nosas creacións en Israel mentres persista a ocupación e a colonización dos Territorios palestinos, mentres se negue a igualdade de dereitos ás cidadás e cidadáns palestinos residentes en Israel e o estado sionista non recoñeza o dereito de retorno a todas as persoas que desexen voltar á súa terra. Unha realidade que denunciaremos sen ceder ás presións que o lobby sionista exerce, aqui como no resto do mundo, sobre a/os profesionais da comunicación.
Galiza, decembro 2012

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Política. Garda a ligazón permanente.