Tarxeta de nadal reivindicativa ao Conselleiro de Educación


Veño de asinar aquí, na páxina web da CIG-Ensino, unha tarxeta de nadal reclamándolle á Consellaría de Educación a devolución da denominada “paga extra” que nos roubaron. Velaquí o texto que asumín coa miña sinatura.
Sr. Conselleiro de Educación
Como profesor/a levo varios anos desenvolvendo o meu traballo coa máxima profesionalidade e responsabilidade, consciente de que eses son elementos fundamentais nun posto de traballo de servizo público. Porén veño sufrindo reiterados desprezos por parte da consellaría que vostede representa: reduciume o salario en máis dun 20%, incrementoume o horario lectivo, penalízame con descontos salariais se enfermo, incrementou as rateos de alumnado por aula, reduciu unidades e postos de traballo, minguou a atención á diversidade, atacou o uso do idioma … e, nuns días, ademais de manter conxelado o meu salario, vai facer efectiva a eliminación da miña paga de Nadal, o que é o mesmo que desvalorizar o meu traballo, vulnerar os meus dereitos laborais e furtarme o que como traballador/a me corresponde: un salario. Única fonte de ingresos que teño, provocando un deterioro importante das miñas condicións de vida.
Por tanto, este Nadal nin será motivo de festa para min nin para o ensino público. Debe saber, tamén, que a única felicitación de Nadal que agardo e aceptarei será a que me envíe restituíndome a paga extra que me corresponde. De non facelo, estaranse apropiando indebidamente do meu traballo, o que non estou disposto a consentir.
Arximiro Bautista Villar González

Esta entrada foi publicada en Manifestos. Garda a ligazón permanente.