«Toda humilde beleza», un poema de Eduardo Blanco-Amor coa dedicatoria «Para Antón Zapata García, gran poeta»



Todos os primeiros de decembro o PEN Clube de Galicia organiza unha homenaxe a Eduardo Blanco-Amor no camposanto ourensán de San Francisco. O noso anterior compromiso co acto de entrega do premio de novela que leva o seu nome esta tarde en Sillobre (Fene) imposibilita a presenza nesa cerimonia, porén esta bitácora únese á homenaxe con esta anotación sobre a amizade entre o escritor ourensán e un dos sobranceiros poetas da Costa da Morte.
A relación entre Eduardo Blanco-Amor e o poeta laxense Antón Zapata García tivo moitos momentos de afecto e avinzas e tamén algunhas desavinzas. O seu decorrer ocupa moitos parágrafos en diferentes páxinas da miña voluminosa Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida por que Xesús Alonso Montero e que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. O traballo é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org.
Boa parte deses datos tamén aparecen citados no libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009), mais nesta anotación fago lembranza da dedicatoria que no seu poema «Toda humilde beleza» escribiu Eduardo Blanco-Amor para Antón Zapata García.
Aconteceu en 1928, Eduardo Blanco-Amor vai testemuñar o seu afecto polo noso poeta publicando o poema “Toda humilde beleza” na revista Céltiga (nº 80, Bos Aires, domingo, 25 de abril de 1928), coas seguintes palabras: «Para Antón Zapata García, gran poeta». Con certeza, esta dedicatoria débese á forte implicación do noso poeta nas actividades do grupo dos “céltigos”, que lideraba Blanco-Amor e que vai ter como obxectivo principal formar “un núcleo intelectual por definición, encargado de la fijación y propaganda de todo cuanto se refiere a ideología, valores y conocimiento hondo, pleno, integral, de la tierra gallega en la Argentina”, fragmento do manifesto fundacional, que asinan Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro, Antón Zapata García, Ramón Suárez Picallo, Egidio Paz Hermo, Lorenzo Garrido, Francisco Regueira, Ramiro Isla Couto, Manuel Ponte, Manuel Campos Couceiro, Miguel Revestido, Manuel Oliveira, Domingo Rial Seijo, Pedro Campos Couceiro, Alejandro Pulpeiro, Emilio Estévez, Rodríguez Sabio, Américo Lozano, Gumersindo Vázquez, Avelino Díaz, José Peña, Camilo Rodeiro, Vicente Tolosa e Ramón Pulpeiro. Cfr. “Peña Céltiga. Unha idea excelente”, Correo de Galicia, nº 1159, Bos Aires, 8 de abril de 1928.
Porén cando o poema sae en libro a dedicatoria desaparece talvez porque nese momento xa se producira un distanciamento persoal e político entre ambos. En efecto, o poema ampliado e corrixido publicouse anos despois no libro Romances galegos [Buenos Aires: 1938] e a dedicatoria a Antón Zapata García vai ser substituída por estoutra: «Á memoria do Amado Carballo, poeta».
Poema de Eduardo Blanco-Amor (versión de 1928 en Céltiga)
“TODA HUMILDE BELEZA”
Para Antonio Zapata García, gran poeta.
I. — CORREDOIRA.
C’un mantelo de silveiras
e parolando co-a brisa,
tod’as mañáns domingueiras
vai a corredoira a misa.
I. — FUNCION.
Para ver a función do abrente
que xa na outra banda brila,
van as ondas, ledamente,
a mercar primeira fila.
III. — ¡GOAL!
Pol-o field do ceo mareiro
vai esbaratando, o sol,
i-o hourizonte, mal porteiro,
non pode para o “goal”.
IV. — DANZA.
Aquel vello castiñeiro,
agás da súa cañota,
ergue os brazos, rexoubeiro;
ouce do vento o punteiro
e quere bailar a jota.
V. — ADREZO.
As vidreiras montesías
para ti se abriron, rapaza.
Dime, ¿en cantas xoyerías
do mundo achar poderías
os rubís d’esta carpaza?
Eduardo Blanco-Amor

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Fotografía, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a «Toda humilde beleza», un poema de Eduardo Blanco-Amor coa dedicatoria «Para Antón Zapata García, gran poeta»

  1. Pingback: As crebas » «Adianto, case anónimo», lembranza de Ramiro Isla Couto (1896-1987), por Luís González Tosar

Os comentarios están pechados.