Breizh no prelo. Adianto dun fragmento do Limiar de Xosé María Lema Suárez


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Xa está no prelo e chegará ás librarías antes do nadal o meu poemario aínda inédito Breizh, que vai publicar a Editorial Toxosoutos na súa colección literaria Nume, que curiosamente inauguou o meu libro 42 décimas de febre. Daquela o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial. A día de hoxe o director é o filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
En varios lugares desta bitácora, coma este, xa reproducín algúns poemas e tamén xa se falou do seu azaroso e desafortunado periplo editorial que agora chega á súa fin. E xa contamos aquí que a ilustración para a portada é da autoría do amigo Héitor Picallo. Alén dos haikus, o libro incorpora un Limiar escrito non hai moito por Xosé María Lema Suárez e un Prefácio do poeta portugués António Jacinto Pascoal (quen me convenceu en Coimbra para escribir un libro de haikus). O seu texto data de 2008, cando o volume ía ser publicado antes de se fanar o proxecto.
A xeito de aperitivo reproduzo un fragmento do primeiro deles, ese limiar que Lema Suárez intitulou «Na procura das fisterras atlánticas». Velaquí:
(…)
Miro Villar, poeta fisterrán de Cee, distíngueme coa encarga dunha introdución ambientadora deste seu precioso libro de ‘haikus’. Unha vez informado por António Jacinto Pascoal desta modalidade poética no seu clarificador Prefácio, tratei de me introducir nela a fondo; agora a ver se son quen, tamén, de escribir por algo e por alguén.
Gústanme os cadernos de viaxes, e por ese camiño enfocarei o meu escrito, máxime cando todos eses lugares que cita o poeta tamén os percorrín, en dúas ocasións coincidindo con el na mesma viaxe. A miña perspectiva será sen dúbida moito máis prosaica, pois fago mentes de que as musas Calíope e Erato me teñen negado os seus dons.
Miro e mais eu amamos as fisterras e arelamos visitalas todas, quizais por termos nacido no ámbito dunha delas –de aí a nosa condición de fisterráns in extenso-. En agosto de 2007 fixemos, xunto con outro medio cento de fisterráns de nación e de corazón, a longa peregrinaxe de dous mil e pico de quilómetros de Rens (Laxe) a Rennes (Bretaña), na procura de ‘grandes pedras’ e das estremas do País do Mar (Ar Mor / Armórica). Catro anos despois, en 2011, tamén a finais de agosto, volvemos coincidir na viaxe á fisterra británica, a península de Cornualles, co seu cabo Penn-an-Wlas / Land’s End como mascarón de proa, que queda máis preto do noso Fisterra (844 km) que do punto máis setentrional da Gran Bretaña (punta John Ó Groats, en Escocia: 1.349 km); 500 km de diferenza. Xa en momentos distintos, un e outro visitamos Irlanda, e lembro en particular a viaxe a Inishmore (illas de Aran) e Dunquin, punta do solposto da península de Dingle.
Os ‘haikus’ de Miro fixéronme recuperar a crónica que fixera (para min) daquela viaxe de 2007, e os títulos vanme servir de guía para evocar un por un todos aqueles lugares. Quizais premonitoriamente, ó día seguinte de entrarmos en Brezh / Bretaña, alguén nos quitou a Miro e a min unha foto ‘sous les remparts’ [a pé das murallas] da cidade de Gwenwed/Vannes, onde o poeta seica escoitou doces conversas procedentes dos labirintos nelas agochados. Eu, por deformación etnográfica, escoitara algareiras rexoubas das mulleres encofiadas que noutrora lavaban a roupa nos antigos lavadoiros públicos do río que bordea as murallas, lavadoiros que hoxe constitúen un dos principais atractivos turísticos da cidade. Quizais unha desas voces escoitadas polo poeta fose a do espírito de san Vicenzo Ferrer, que viñera morrer a esta cidade a principios do séc. XV despois de predicar por media Europa… sempre na variante valenciana do catalán, ¡e seica o entendía todo o mundo! O milagre da Pentecoste ó revés: os fieis e non o predicador son os que gozan do don de linguas.
(…)

Esta entrada foi publicada en Historia, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Breizh no prelo. Adianto dun fragmento do Limiar de Xosé María Lema Suárez

  1. Pingback: As crebas » Imaxes da presentación de Breizh

  2. Pingback: As crebas » Breizh xa está a chegar ás librarías

Os comentarios están pechados.