«Domingos de Andrade. Excelencia do barroco», inauguración da exposición o xoves 15 de novembro no Museo do Pobo Galego


(Monumento a Domingo Antonio de Andrade na vila de Cee. Foto de Víctor Castiñeira)
Este vindeiro xoves 15 de novembro ás 19.30 h., se nada o impedir, estaremos no Museo do Pobo Galego para asistirmos á inauguración da exposición «Domingos de Andrade. Excelencia do barroco», conmemorativa do 3° centenario do pasamcnto do arquitecto.
Domingo Antonio de Andrade, cuxo nome galeguizan no MPG, tamén está a ser obxecto de múltiples actos na nosa vila, Cee, a localidade que o veu nacer, como ben lembra o historiador e Técnico de Cultura do Concello de Cee, Víctor Castiñeira, na biografía que fai parte dunha serie de artigos publicados no dixital quepasanacosta.
O nome do arquitecto barroco supón para min retroceder aos tempos da mocidade cando fixen parte, como secretario, durante moitos anos da A. C. Domingo Antonio de Andrade até que esmoreceu porque a maioría dos seus asociados e asociadas deixamos a vila de Cee por mos de razóns de estudo ou laborais. O seu nome inspirou moitas actividades culturais, desde a homenaxe en forma de monolito ao escultor (en colaboración co concello), un certame de poesía que chegou até a décima edición, un torneo de xadrez no nadal, a recuperación do enterro da sardiña ou as primeiras edicións da Mostra de Teatro de Cee. De feito, xa narrei aquí nesta bitácora coma no verán de 1988 nacía a I Mostra de Teatro de Cee, daquela organizada pola A. C. Domingo Antonio da Andrade, que presidía o mestre Xosé Cañizo e da que eu era o secretario. Aquel grupello traballamos arreo en botar a andar esa magnífica idea que nos propuxo Artur Trillo. Afastados algúns de nós, o propio Artur Trillo, Toño Casais e outra xente nova continuaron a organizar a Mostra (que anunciou este ano a súa desaparición) xa desde a compañía profesional Talía teatro, mais isto xa é outra historia.
(Cartón de convite á inauguración da exposición. Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Historia, Poesía, Premios, Teatro, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a «Domingos de Andrade. Excelencia do barroco», inauguración da exposición o xoves 15 de novembro no Museo do Pobo Galego

  1. Pingback: As crebas » Bernardino Graña lembrou a Domingo Antonio de Andrade no pregón da Xunqueira de 1987

Os comentarios están pechados.