Aberta a suscrición popular ou "crowdfunding" para a antoloxía poética Monte Pindo Parque Natural



Nas primeiras semanas de setembro do pasado ano 2011 esta bitácora daba conta aquí e acolá do proxecto para editarmos unha antoloxía de poemas para apoiar a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, un volume que coordinamos os escritores Francisco “Chisco” Fernández Naval e eu propio e que podería publicar a editorial noiesa Toxosoutos.
Porén para facermos realidade a edición, a activa e dinámica asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu promover na rede (através da plataforma Goteo.org) unha iniciativa de “crowdfunding” (termo que se podería traducir por financiamento colaborativo ou colectivo), isto viría sendo unha suscrición popular da que informan na súa páxina web oficial e que reproducimos deseguida:
Nace a subscrición popular Antoloxía poética do Monte Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural está traballar nunha ambiciosa iniciativa para reunir nun só volume a obra poética máis destacada sobre o Olimpo Celta creada durante séculos por ducias de diferentes estudosos, literatos e creadores de todos os tempos, xunto con novas poesías inéditas dos máis prestixiosos escritores do escenario literario galego. Todo este inmenso potencial creativo formará parte da Antoloxía poética do Monte Pindo que está a piques de nacer.
Porén a dura situación de crise que atravesamos dificulta que as editoriais asuman editar, publicar e distribuír a obra. Afortunadamente unha editorial galega comprometeuse a asumir a edición, sempre e cando garantamos a adquisión anticipada dun mínimo de exemplares. Isto esperamos conseguilo coa axuda de todas e todos vós e da plataforma Goteo.org.
Este proxecto está impulsado e coordinado polos escritores Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, ambos afincados na Costa da Morte e membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural. O obxectivo do proxecto é enriquecer e estimular a produción literaria arredor do monte sacro dos nosos antergos, mais tamén xuntar os esforzos de conservación da imaxinación e da historia en torno aos recursos naturais do Monte Pindo e afortalar as actividades abertas, de lecer e de conciencia, que son realizadas regularmente neste espazo.
Para converterte en subscritor popular, simplemente deberás entrar na páxina do proxecto en Goteo.org e facer reserva dun ou varios exemplares da Antoloxía Poética do Monte Pindo a un prezo único de 10 euros (o que supón un aforro de ata 5 euros sobre o prezo final que terá a obra nas librarías). O ingreso pódese facer aquí usando a tarxeta de crédito ou ben mediante PayPal.
Ao acadar o número mínimo de 105 subscricións, o obxectivo darase por conseguido e a Asociación Monte Pindo Parque Natural activará a edición da obra, que incluirá nos seus agradecementos o listado dos nomes dos que nos axudaron a conseguilo.
Unha vez que a edición esté lista, porémonos en contacto con cada subscritor/a para concretar o xeito de entrega do/s exemplar/es da Antoloxía Poética do Monte Pindo.
Que pasa se acadamos o obxectivo?
A partir dos 105 subscricións dispoñemos de 45 exemplares adicionais para quen desexe adquirir a obra co mencionado desconto.
Que pasa se non acadamos o obxectivo?
En caso de que a data de 19 de novembro non se teña conseguido o número mínimo de 105 subscricións populares que fagan posíbel a edición, suspenderase o proxecto e reintegraranse todas as achegas efectuadas ata o momento.
Alén de todo isto, nós, os editores literarios, tan só temos que engadir que esta obra pretende recoller textos poéticos xa publicados e outros totalmente inéditos que as poetas e os poetas xa fixeron chegar ás nosas mans.
Gardamos estes textos sen desvelar até a presentación da antoloxía, mais como adianto velaquí vai un breve poema do meu irmán Rafa Villar que se publicou no seu libro A sotavento dunha singradura (Espiral Maior, col. Illa verde, 1995).
carabela de xeada somos
en enviso verso pimentel
de pedras pindas, eu digo,
e mar fisterra
ennobelando pasado e presente
co fío infindo
dun mañá incerto nos anais da terra.
a historia, fulxente espiral, agardará por nós
Rafa Villar

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.