No Programa de Animación á Lectura «Compartimos a biblioteca coas crianzas» de Vimianzo (II)


(Fotografía coa nena e os nenos agasallados no sorteo duns libros da miña autoría. Fonte: Biblioteca Municipal de Vimianzo)
A páxina web do Concello de Vimianzo e o dixital quepasanacosta recollen cumprida información sobre a miña presenza o pasado sábado no Programa de Animación á Lectura «Compartimos a biblioteca coas crianzas», que organizou Nieves Lema, a Técnica de Cultura do Concello de Vimianzo.
Velaquí a redacción na páxina institucional:
Os nenos e nenas de Vimianzo gozaron cos contos de Miro Villar
Coa chegada do curso escolar a biblioteca municipal retomou a programación de animación á lectura para que os máis pequenos gocen dos libros e adquiran o hábito de achegarse á biblioteca.
Durante todo o mes de setembro os protagonistas son os contos populares cunha exposición na biblioteca dedicada aos irmáns Grimm “200 anos de contos”. Os nenos e nenas participaron nun obradoiro de títeres no que crearon diferentes personaxes dos contos dos Grimm.
O pasado sábado o escritor ceense Miro Villar achegouse á biblioteca municipal para ter un encontro literario cos nenos e nenas de Vimianzo. Miro Villar comezou a contar o conto A cobiza do verme Noel a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns. E rematou o encontro contando a través das ilustracións de Ana Santiso o último conto infantil que publicou o autor Rebelión na charca, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder. Un conto rimado que cautivou os nenos e nenas presentes que participaron no sorteo de varios exemplares de libros asinados polo escritor convidado.
O vindeiro mes de outubro a programación de animación á lectura estará dedicada á cociña entre libros, coa compañía do Trinke Trinke e unha merenda con contos.

Esta entrada foi publicada en Contos, Encontros, Infantil. Garda a ligazón permanente.