A libraría Á lus do candil no programa “ZigZag Diario” da tvG2


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Esta semana principiou a nova tempada do programa “ZigZag Diario” da tvG2, que presenta María Solar (tamén ela autora infantil). Adoito procura adicar aos libros a súa edición dos luns e no programa emitido este 17 de setembro houbo un recuncho da Costa da Morte, pois visitaron a libraría Á lus do candil (daque xa falamos aquí e acolá) que o amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba abriron en xullo na localidade coruñesa de Arteixo.
A emisión xa se pode ollar na televisión á carta e o fragmento que se ocupa da libraría vai desde o minuto 20:35 até o 24:00, máis ou menos, aínda que eu recomendaría visionar a totalidade do programa que dura media hora.
Na súa intervención Modesto Fraga fai un repaso dos obxectivos desta arriscada empresa, entre os que está dinamizar a lectura e abrir tamén as portas a outras manifestacións artísticas, de feito lembra a presenza nestas primeiras semanas dunha exposición pictórica de Nolo Suárez e unha mostra do ceramista Nacho Porto. Máis unha vez parabenizamos a Alba e a Modesto ao tempo que lles desexamos feliz e proveitosa singradura.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Exposicións, Infantil, Lingua, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións, Televisión. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a A libraría Á lus do candil no programa “ZigZag Diario” da tvG2

  1. Á lus do candil di:

    Moitas grazas, Miro. Para nós é un inmenso pracer que nos agasalles coas túas palabras tan cheas de afecto e cariño.
    Nunca olvidaremos a túa colaboración coa libraría “Á lus do candil” acompañándonos no acto de inauguración. Oxalá volvas visitarnos un día e nos deleites coa túa obra poética, ensaística ou narrativa.
    Grazas en nome dos dous.
    Alba e Modesto

  2. Pingback: As crebas » Poesía nas estremas da Costa da Morte. Mañá, venres 7 de decembro

Os comentarios están pechados.