Rebelión na charca, breve recensión no blogue de literatura infanto-xuvenil Brabádegos


Grazas a Chelo Carreira Carollo, de Sotelo Blanco Edicións, veño de coñecer Brabádegos, unha bitácora especializada na nosa literatura infanto-xuvenil e que naceu na rede en marzo deste ano 2012. Así facían a súa presentación na primeira anotación do blogue:
«As folerpas caen de solás no souto con precisión milimétrica. Pingas de auga doce que esvaran entre os brabádegos, castiñeiros novos, que intentan abrirse paso con forza nun duro inverno.
Este blog pretende encher un oco non pequeno no mundo da literatura infantil e xuvenil en galego. Con humildade ser un lugar no que se dea conta das novidades dun sistema literario de vangarda e, por que non, unha fonte de máis de sete pichos da que poidan beber pais e nais. Queremos que os nenos da nosa terra soñen distinto, queremos que durman arrolados polo doce pronunciar das palabras autóctonas e acubillados co infinito maxín que provoca sorrisos».
Desta volta, Brabádegos ocúpase do meu máis recente, e último polo de agora, conto rimado para primeiros lectores. Pódese ler na ligazón do artigo «Un monte que coidar». Deseguida reproduzo os últimos parágrafos nos que se fala desa miña creación:
«Rebelión na charca, de Miro Villar, e O coelliño aventureiro, de Eva Varela, ambos con ilustracións de Ana Santiso, achegan valores coma o de coidar o medio, obedecer os maiores e coñecer a súa diversidade á vez que conectan co de noso. A primeira das obras narra as aventuras de píntegas, ras e sapos rebuldeiros que xogan aos dados, e a segunda, a historia do coelliño Nicolás que era moi aventureiro e algo curioso de máis.
Quen dixo que non se pode aprender a ler en galego se hai abondo material para facelo? Se aínda o dubidades permanecede atentos ao blog, pois o deitar dos días e das noites traerá aventuras coma as de Sotelo Blanco carregadas de tenrura e letras e letras sementadas na lingua nai!».

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Rebelión na charca, breve recensión no blogue de literatura infanto-xuvenil Brabádegos

  1. Prezado Miro Villar:
    Moitísimas grazas por colgar no teu blog a moi breve recensión (por razóns de intendencia desta vez foi breve) e o enlace á nosa web. Sempre intentamos poñernos en contacto cos autores e cos ilustradores a través do facebook para mandarlles o enlace e onte non atopei ningún dos dous perfís. Anímote para que nos fagades chegar as vosas novidades e para a próxima, que seguro que vén en nada, hei de dedicarlle unha miga máis de tempo.
    Un saúdiño desde o souto onde os nosos castiñeiriños medran rexos. Habemos facerlle un chisco máis de promo durante esta semana nas redes sociais.

Os comentarios están pechados.