Memoria Literaria (III): Unha lectura de poemas en Porto do Son (1996)


En varias ocasións xa se fixo mención nesta bitácora a ese magnífico proxecto denominado poesiagalega.org, que xa dixemos é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).
O seu inestimable labor de compilación estase a arrequentar neste últimos días cunha serie de gravacións de voces poéticas que proceden do arquivo persoal do meu irmán Rafa Vilar, quen durante un tempo levaba sempre a súa gravadora ás lecturas ou recitados. Era aló polos últimos anos da década dos noventa.
Desta volta reproducen a gravación dunha lectura miña realizada o día 25 de maio do 1996, nun acto ao que foramos convidados pola Concellería de Cultura do Concello de Porto do Son que naquela altura levaba o concelleiro nacionalista Gonzalo de Lucas Lema.
Alén de se escoitar nesta ligazón, velaquí o arquivo de voz:
mvillar_1996_son
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada:
«Gravación realizada o 25 de maio de 1996. Recital organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Porto do Son xunto cunha exposición de fotografias de María Esteirán acompañando textos poéticos de diversos autores. Participaron no acto ademais Uxío Novoneyra, Marta Dacosta e Rafa Villar.
Tipo de son: Audio creación
Formato: mp3
Fonte: Rafa Villar
Dixitalización de audio: Reverso CCL».
Daquela abrín eu a quenda de intervencións, á que seguiu a lectura de Marta Dacosta e Rafa Vilar. Todos tres fixemos, pois, como era natural, o labor de “teloneiros” da potente voz recitadora de Uxío Novoneyra. Debeu ser o último recital que partillei co poeta do Courel antes do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999.
Na miña intervención fago unha lectura comentada de tres poemas que se publicaron en Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992): «Curricular historia de outonía…», «A dona que eu am’e tenho por senhor…» e «En Cé, miña señora, no pazo de Cotón…»; outros tres en 42 décimas de febre (Toxosoutos, 1994): «Unha muller con sombreiro…», «Como un haiku delicado…» e «Eisenstein, Ford, Rosellini…» e, finalmente, un poema do Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1995): «como algodón (o corpo) no contacto esponxoso…». Velaquí este último, na súa definitiva versión publicada:
O
O desespero
e o pudim de maçã. Uma comida
amarga como o amor.
José Alberto OLIVEIRA.
XVI
como algodón (o corpo) no contacto esponxoso,
como hedras (os cabelos) perenne enredadeira,
como ananás (os ollos) mollados en azucre,
como vimbio (o nariz) que trema no olfacto,
como hidras (as orellas) de tentáculos negros,
como tabaco (a boca) penetrante arrecendo,
como amoras (os labios) docísimo veneno,
como escarola (a lingua) de refinado prato,
como café (o pescozo) no sorbo delicado,
como xarxas (os brazos) de longo percorrido,
como aguacate (os dedos) de insípido xuízo,
como arroz (os mamilos) exquisito alimento,
como mazás (os peitos) reinetas grosas, duras,
como azafrán (o embigo) condimento escondido,
como sargazo (o pube) dos teus cálidos mares,
como níscalo (a vulva) de sabores estraños,
como acevros (as pernas) de brancos interiores,
como buxo (os xeonllos) de compacta dureza,
como rosas (as nádegas) de pálidas colores,
como vainilla (a pel) no beixo despacioso,
como amanita (a dor) phaloides da ausencia,
como cacto (o olvido) de espiñentas palabras,
como cizaña (as bágoas) da dor e da amargura,
como beladona (ti) de durmente memoria,
como saramago (eu) na desolación grave.
Até hoxe, no repositorio poesiagalega.org tamén podemos atopar nesas gravacións dixitalizadas do arquivo persoal de Rafa Vilar as seguintes voces, que podedes escoitar de premerdes nas respectivas ligazóns:
Audio Anxo Angueira (1997)
Audio Marilar Aleixandre (1999)
Audio Xosé Carlos Caneiro (1999)
Audio Helena de Carlos (1999)
Audio Eduardo Estévez (1999)
Audio Eduardo Estévez e Séchu Sende (1998)
Audio Alfredo Ferreiro (1998)
Audio Modesto Fraga (1998)
Audio Mónica Góñez (1998)
Audio Manuel Lago Graíño (1999)
Audio Tati Mancebo (1998)
Audio Carlos Negro e Diego Ameixeiras (1996)
Audio Olga Novo (1998)
Audio Anxo Pastor (1999)
Audio Claudio Pato (1999)
Audio Emma Pedreira (1999)
Audio Carlos Penela (1998)
Audio Xavier Rodrigues (1998)

Esta entrada foi publicada en Gravacións, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Memoria Literaria (III): Unha lectura de poemas en Porto do Son (1996)

  1. Pingback: As crebas » Memoria Literaria (V): Unha lectura de poemas no café Rúa Nova (Compostela, 1998)

Os comentarios están pechados.