Con Héitor Picallo, XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela (A Estrada)


(Foto tirada do xornal dixital Galicia Hoxe)
Onte estivemos pola vila de A Estrada, para acompañarmos a Héitor Picallo no acto cultural no que se lle facía entrega do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, e que tivo lugar no recinto da Feira do Moble de Galicia na Fundación de Exposicións e Congresos. Partillamos co premiado escritor da veciña vila de Cuntis (ou a Vila do Baño), coa súa compañeira Eva Liñeira, e con amigas e amigos seus, que tamén son meus, como a profesora Maka Arca e seu pai o escritor e vello mestre Olimpio Arca (que é autor dun monográfico sobre Manuel Reimóndez Portela), con Ana Mosquera e o seu compañeiro Marcial, coa pintora Soledad Pite, cos tamén escritores Daniel Asorey Vidal, Ramón Blanco e a súa compañeira Eva, e tamén co historiador Xosé María Lema Suárez (moi vencellado á vila de A Estrada, onde se xubilou como profesor e onde fai parte da coral polifónica e que tamén gañou este mesmo certame nunha anterior convocatoria). Tamén tivemos ocasión de saudar ao académico e escritor Xosé Neira Vilas, ao investigador literatrio Marcos Seixo Pastor e a concelleira nacionalista de Cuntis Belén Pazos ou ao editor Manuel Núñez, das Edicións da Fervenza.
O acto principiou cunha ofrenda floral no monolito a Manuel Reimóndez Portela, na que fixo unha lectura poética o amigo Xosé Luna (a quen lle escribín o epílogo do seu primeiro poemario Memorias do Cairo, 2003) que tamén fai parte das Edicións da Fervenza.
Deseguida entramos no recinto para o propio acto de entrega, coas intervencións das autoridades, entre elas o estradense Valentín Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, asi como do mantedor literario do acto que desta volta foi o académico, escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes.
Todos os discursos foron floridos e de profundo amor á nosa lingua, mais algúns ofrecían moi pouca credibilidade. Como se adoita dicir, moita teoría e pouca praxe. Porén, para nós, o importante era escoitarmos ao noso amigo Héitor Picallo, a quen o xurado do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela outorgoulle o galardón, por unanimidade, por catro artigos publicados que teñen como cerna a cuestión lingüística: «E ti de quen vés sendo?… Eu son galego. 18 de outubro, na dignidade do idioma» (Diario de Arousa, 18-X-2009); «Galicia hoxe, Galicia hoy, Galicia today» (Diario de Arousa, 24-VII-2011); «Amar o galego é amar a humanidade» (Diario de Arousa, 17-VI-2012) e «Conciencia e consciencia lingüística. Dende Diego Xelmírez até hoxe» (Diario de Arousa, 24-VI-2012). No ditame tívose en consideración “o gran dominio do xénero xornalístico do premiado, así como a linguaxe culta, rica e variada que amosa o autor, transmitíndolle ao lector a importancia do uso do galego, en perfecta convivencia con calquera outra lingua. A defensa do idioma está feita dende o mais fondo respecto, sensibilidade e tolerancia”.
O discurso de Héitor Picallo foi excelente e das súas páxinas reproducimos deseguida os derradeiros parágrafos:
Igualdade?, cando se lle resta ao noso idioma o estatus xurídico que se merece, porque é a lingua propia de todos nós, porque a crearon os nosos devanceiros e con ela amaron e morreron nas súas últimas verbas. Acórdome daquela vez que nun debate sobre a Reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza (organizado pola Asociación O Fervedoiro), Xesús Palmou –daquela Deputado no Parlamento Galego– afirmaba que non era lóxico que o idioma tivese un estatus xurídico inferior ao castelán. Pero ben, xa se sabe que dende a diferenza tamén se pode aprender. Recordo ese día –no que participei como moderador no debate– como persoas nacionalistas, outras de Esquerda Unida e o citado deputado souberon compartir palabra –dende o respecto– e, logo do acto, uns pinchos de tortilla e un viño do país. A chave está no diálogo, na confrontación de ideas e a crítica, aínda que non todas as persoas gustan deste método, por desgraza,… Incluso algunhas empregan o galego como arma arreboladiza.
Por iso, os que cobren por defender a lingua que loiten por tal propósito, por mudar o seu raquítico e escuálido estatus xurídico. Outros farémolo dende a gratuidade e o altruísmo, dende o activismo cultural de base e o estímulo social, aínda que nos tachen do que queiran. Porque aviso; os que estamos aquí, non cobramos por falar en galego, falámolo dende a honra aos nosos maiores e o respecto a esta Matria enorme que nace ao pé do Atlántico baixo as ondas de Manuel Antonio e Antón Zapata (na voz de Miro Villar), xusto incluso debaixo da estrela que alumeou o dolmen de Eduardo Pondal. Nós, curiosamente, gastamos o idioma a diario –como quen gasta zapatos novos con fachenda unha mañá de domingo– e canto máis gastamos, máis se conserva e estende.
Igualdade cando o español supera en estatus xurídico ao noso idioma nacional, pai do portugués e das variantes brasileira, angolana, caboverdiana,… como dirían Xosé Lois García e Luís Gonçáles Blasco? Igualdade cando se quere que o inglés teña máis importancia nas nosas vidas que a lingua coa que bicamos e coa lle damos nome a toda a xeografía dende o mesmo momento en que deixamos no horizonte pousada a nosa vista?… U-la? Non a vexo.
Günther Dauwen, amigo de noso e director da European Free Aliance, grupo do Parlamento Europeo que une esforzos cos Verdes, encargábame hai unhas semanas realizar unha caricatura ou viñeta para certa campaña lingüística internacional: Unha gran quenlla (que representa o inglés) pretende devorar as 22 outras linguas europeas (simbolizadas por medio de rapantes, lorchos, xardas,…). Mais aquí uns peixes de estado engolen as nosas linguas nacionais, e aqueles depredadores –de se despistaren– han ser eliminados pola gran quenlla sagrada, reverencia e símbolo da globalización que eu non amo.
Fraternidade? Onde están os irmáns? Falta ese espírito de irmandade e unión que debéramos sentir todos e só se afirma, reafirma e confirma nalgúns. Que mal senta o galeguismo cando non se sente! Houbo algún presidente da Xunta que esixise a todos aqueles que aldraxaron ou aldraxan o noso idioma que pedisen desculpas públicas? Non… Porque cando se mofan do noso idioma ou de cada unha das nosas persoas, fano con todos nós, e incluso con eles mesmos –os que non esixen desculpas. Que pasaría se un país estranxeiro a España o fixese co castelán? Conflito internacional, e todos coma lobos comezarían a ouvear en manada. Velaí o feito. Pois logo que non se asuste ninguén cando algúns ouveamos, e lanzamos o berro de que amamos a nosa lingua por enriba de que calquera cousa material, prezo, salario ou dote. Somos galegos no mellor e no peor sentido da palabra por obra e graza do idioma.
Fraternidade,… cando día si, día tamén, van pechando xornais como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal de Galicia… e subvenciónanse editoriais alleas? Así, deste xeito, elimínannos os medios de expresión, os vehículos de voz e de sentir, para deixarnos mudos. Porén, o noso país é coma a lendaria ave fénix,… rexerámonos dende as borrallas e farémolo mil unha veces, se fai falla: xa están aí Praza Pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Galiza Contrainfo,… E velaí vén O Quinteiro xa guindando buxainas no camiño! Somos xente creativa e creadora, non acreditamos na destrución senón en facermos espazos habitábeis para as nosas vidas sociais e culturais.
Liberdade? Se non nos deixan selo. Se as súas normas, estruturas e aparatos condicionan as nosas existencias e o progreso da nosa terra e cultura. Liberdade para pensar? Se por querer gustarían de facelo por nós. Eles foron libres –nós non– para sacarnos a pesca, o gando, as caixas de aforro e a forza do vento,… e eles queren selo para furtarnos o máis comunal deste noso paraíso: a linguaxe na que ecoan por entre os piñeiros os rumorosos sons de hai máis de 1000 anos.
Para rematar, quero dedicar este premio a un par de irmáns que hoxe xa están na Grande Ribeira, que defenderon ao longo da súa vida a palabra de noso e que, outrosí, foron para min estímulo e estereotipos a imitar: o irmán Isaac Díaz Pardo (este si, bo e xeneroso, ben o saben Maka Arca e Ana Mosquera) e o irmán Avelino Pousa Antelo (este tamén, bo e xeneroso, sábeno os da Tribo da Quenlla). Pero tamén o premio vai en recoñecemento de dous colectivos vivos e activos neste mar de lingua. Os seus nomes: os Equipos de Normalización Lingüística e a miña casa no amor á palabra, a Asociación Cultural O Fervedoiro.
Por iso dende aquí, dende a verdadeira República, a República dos irmáns e a Palabra, agradézovos –amigos– a vosa presenza, tempo e amizade. E ínstovos a todos e todas, asistentes e institucións, xentes de dereitas e de esquerdas, persoas do sol ou das estrelas, progresistas ou conservadores (todos e todas facemos falta e ninguén sobra!) a que non vos apartardes da singradura pola que debera avanzar a nosa dorna, impulsada pola lingua na súa vela (salgada de azul e vento), para dende a lealdade á esta Terra, sexamos sempre, Galiza Sempre, Sempre en Galiza,… Lingua patria e Nazón de Breogán.

Esta entrada foi publicada en Lingua, Premios, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Con Héitor Picallo, XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela (A Estrada)

  1. maka arca di:

    Miro: Fantástica crónica a túa sobre o acto de entrega do premio xornalístico Reimóndez Portela a Héitor Picallo, o noso “Leonardo do Baño”.
    Sen dúbida, onte foi un día memorable para “os bos e xenerosos”. As palabras do noso amigo, claras coma as augas dos nosos mananciais, reflectían o espírito inquebrantable e a autenticidade dun rapaz que, malia a súa mocidade, xa se ten convertido nun referente no noso país.
    Parabéns ao noso benquerido Héitor por nos facer gozar de momentos tan intensos coma os de onte.
    “Apertas tensas”, que diría Isaac Díaz Pardo.

  2. Héitor Picallo di:

    Graciñas Miro, graciñas irmán,… Como se notan as cousas cando alguén te quere. Graciñas por vires, por convivires, por creres e amares, por amar amares o que é noso: esta lingua atlántica coma unha aperta fisterrá

Os comentarios están pechados.