A poesía sonora de Márcio-André



Onte, 4 de agosto, a fundación Eugenio Granell, artista e poeta surrealista, ofreceu unha nova xornada de “performance”. Desta volta a acción performativa intitulada “Unha ollada marciana da arte contemporánea” dos portugueses Margarida Chambel e Nuno Oliveira e o espectáculo de poesía sonora “Suspensión” do escritor brasileiro e caro amigo Márcio-André, quen fixo a estrea mundial da súa performance e durante case unha hora abraiounos cos seus sons. Xa contei aquí, como do 15 de febreiro ao 15 de marzo do 2009 estiven en Monsanto e Coimbra dentro do Programa “Poetas em Residência”, que organiza o Grupos de Estudos Angloamericanos da Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra e que coordina a profesora Graça Capinha. Foi nesa estadía cando coñecín ao poeta brasileiro Márcio-André, quen me fixo experimentar a poesía sonora e a experiencia foi grata, malia estar moi lonxe da miña orientación creativa persoal. Como se sinalaba na presentación do acto de onte: “Márcio-André está considerado un dos máis representativos escritores e artistas da palabra das novas xeracións de Brasil. O seu labor une poesía, pensamento, música concreta, arte dixital e cinema. Presentou o seu traballo en mostras e festivais por diferentes paises, como Arxentina, México, Portugal, Peru, Ucrania, Francia e Reino Unido. No ano 2007, realizou a performance suicida nos escombros da cidade fantasma de Pripyat, en Chernobyl, converténdose no primeiro poeta radioactivo do mundo. Con Suspensión, Márcio-André explora as posibilidades do poema a través do procesamento electrónico da fala e do violín suspendido no espazo por gomas elásticas, ben como de latas e obxetos sonoros suspendidos do teito. Suspensión leva a poesía sonora aos limites da lectura e extrapola as fronteiras entre o poema, a música experimental e a instalación. A través da creación, en tempo real, de texturas sonoras, a performance produce paisaxes hipnóticas, contemplativas e que remiten ao sagrado, aos mantras e aos rituais primordiais”.
Outra das gratas sorpresas da tarde foi atoparme de novo co poeta Jorge Fragoso, editor independente do selo Palimage, a quen tamén coñecín nos Encontros Internacionais de Poetas en Coimbra.

Esta entrada foi publicada en Arte, Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A poesía sonora de Márcio-André

  1. Pingback: As crebas » Poemas (XXX): «Suspensión», poesía sonora do brasileiro Márcio-André

Os comentarios están pechados.