En Normandía (II): «As ostras danlle sabor á viaxe a Normandía», por Xosé Ameixeiras


(Le Mont-Saint-Michel vu du ciel en 2011. http://www.projetmontsaintmichel.tv/site/)
A edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia publicou hoxe a segunda crónica do xornalista Xosé Ameixeiras da nosa viaxe a terras da Normandía e da alta Bretaña co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom). Pepe Ameixeiras, habitual compañeiro nestas travesías, xa publicara o sábado 25 de agosto outra ampla crónica dos primeiros días da viaxe, asinada co pseudónimo Vicente de Lema.
Novamente, apráceme reproducir deseguida a súa crónica traducida para a nosa lingua, outro excelente testemuño destas xornadas pracenteiras nas que tamén aprendemos moitas cousas da cultura e da historia destes territorios, principalmente polas disertacións do historiador Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom.
As ostras danlle sabor á viaxe a Normandía
O Seminario de Estudos Comarcais concluíu o seu periplo francés
Escrito por Vicente de Lema
Normandía / Enviado especial 31 de agosto de 2012
A expedición do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte por Normandía non só se interesa pola historia, os megálitos, as Fisterras, a cultura e as paisaxes. Os excursionistas tamén descubrieron o cultivo de ostras, unha actividade marisqueira e económica básica en Le Vivier-sur-Mer, a localidade gala situada preto da cidade de Saint Malo cuxa actividade principal é a acuicultura e onde pernoctou a comitiva nas últimas tres noites do seu periplo. O grupo puido ver como os barcos nestas poboacións teñeen rodas e, alén de navegar, poden saír á praia e circularen por vías e camiños. A ostra está moi presente nos establecementos hosteleiros da zona e algúns dos desplazados puideron gozar do seu sabor.
Porén, o Desembarco de Normandía foi un dos pratos fortes do programa da viaxe do Seminario de Estudos Comarcais. Así, o venres houbo unha visita ao sobrecolledor Cemiterio Militar Americano de Colleville-sur-Mer, no que xacen os restos de 9.387 soldados norteamericanos falecidos na toma das praias da rexión o 5 e o 6 de xuño de 1944. As tumbas miran cara aos Estados Unidos. Nesta inmensa necrópole de cruces ou estrelas brancas sobre un moi coidado céspede verde repoesan Theodore e Quentin Roosevelt, fillos do que foi presidente dos Estados Unidos, Theodore Roosevelt, e as dos irmáns Niland, que inspiraron a célebre película Salvar al soldado Ryan, protagonizada por Tom Hanks.
Unha das visitas máis interesantes dos excursionistas do seminario foi a de Bayeux, unha cidade normanda célebre polos seus encaixes. Nalgunhas tendas un panillo costa 15 euros e os labores de puntilla locen nas fiestras dos comercios de artesanía da praza principal. Foi a primeira urbe en ser liberada tras o Desembarco, o 7 de xuño de 1944. A súa catedral de Nôtre Dame foi moi admirada polos expedicionarios, que valoraron especialmente a conxunción perfecta dos estilos románico e gótico do templo. Non obstante, o pormenorizado exame ao Tapiz de Bayeux foi o que máis satisfeitos deixou aos viaxeiros nesta parada. Trátase dunha obra de arte do século XI única no mundo, un gran lenzo bordado que relata en cadriños sucesivos a conquista de Inglaterra por parte do duque de Normandía, Guillerme o conquistador, no ano 1066. Unha especie de banda deseñada sobre unha tea de liño que mide 68,8 metros de longo, 50 centímetros de alto r pesa uns 350 quilos.
Historia
O seguinte destino foi Caen, capital da Baixa Normandía, onde entre catedral, abadías e igrexas algúns dos excursionistas visitaron media ducia de templos, alén do castelo de Guillerme o conquistador. O percorrido deixou exhausto a máis dun. Máis descansada e menos cargada de traxedia histórica foi a xornada do sábado, cun primeiro percorrido pracenteiro polas rúas medievais de Dol-de-Bretagne, cuxa catedral ten aspecto de fortaleza. No mercado local, os excursionistas abastecéronse de abundante sidra, licor de Calvados e galletas para agasallar ao seu regreso a familiares e amigos. Moi preto está o menhir de Champ Dolent, un megálito de 10 metros de alto e que ao longo dos tiempos inspirou varias lendas. Segundo unha delas, a gran rocha vaise soterrando por cada persoa que morre. O día que desapareza baixo terra, acabará o mundo.
Unha das sortes dos viaxeiros é que o condutor do autobús de Lázara, Pablo Bustelo, é un consagrado experto nestes percorridos e colabora con gran éxito no desenvolvemento do desprazamento, incluso aconsellando restaurantes ou itinerarios. Así, algúns dos expedicionarios puideron darse un bo xantar en Cancale, unha vila mariñeira que conserva gran parte das súas construccións tradicionais e na que as ostras son un gran reclamo e o prato máis habitual dos menús dos numerosos restaurantes, que están a rebordar á hora da comida.
A xornada do sábado concluíu no lugar máis visitado de Normandía, en Le Mont-Saint-Michel, onde está a abadía fortaleza que se ergue no que foi un illote formando por un promontorio granítico de 80 metros de altura. Aquí prodúcense as mareas máis altas de Europa. O mar pode chegar a se retirar ata 18 quilómetros. Os 40 expedicionarios subiron a monumental escalinata ata a impoñente igrexa abacial para veren os seus sus trazos románicos, o claustro ou a cripta formada polos máis grosos piares que se poidan ollar na arquitectura relixiosa europea. Analizaron polo miúdo este mítico enclave de cultura monacal do continente, que tamén foi prisión, e percorreron pausadamente cada estancia deste conxunto histórico, que tamén é unha estación do Camiño de Santiago e Patrimonio da Humanidade desde 1979.
Pola noite, en Le Vivier-sur-Mer, puideron comprobar que as luces públicas se apagan ás once, mentres que nas vilas da Costa da Morte locen abundantes con gran potencia ata que o Sol se levanta pola nacente. E iso que a crise apreta con máis crueza na Fisterra galega que na gala.

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Cinema, Documental, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.