MEDRE O MAR!, a Homenaxe Nacional a Bernardino Graña, mañá, 1 de setembro, na Coruña


Xa teño dito aquí que son devoto lector da poesía de Bernardino Graña Villar (Cangas de Morrazo, 1932), a quen mañá sábado 1 de setembro, na Coruña, váiselle render unha Homenaxe Nacional, baixo o lema MEDRE O MAR!, organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu.
Ese pracer lector levoume a propoñerlle ao PEN Clube de Galicia a publicación dunha antoloxía, pois Bernardino xa publicara tres libros desde Ardentía. Obra poética completa (Espiral Maior, 1995) compilada para a homenaxe que lle tributou a Asociación Cultural Monte Branco de O Couto (Ponteceso). A proposta foi aceptada e preparei unha antoloxía, que parafraseando un verso seu intitulei Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 e que conta cun estudo introdutorio de 60 páxinas.
Hai ben anos que coñezo a Bernardino Graña, cuxo segundo apelido é Villar, coma min, malia non termos ningún parentesco. De feito, o seu compañeiro de xeración Manuel María sempre chamaba Villar ao Bernardino, nunca facía uso do seu nome nin do seu primeiro apelido. En palabras de Manuel María, Bernardino Graña é o noso grande poeta do mar, logo de Manuel Antonio. Certo é, mais eu non esquecería ao muxián Gonzalo López Abente, que entre os seus coetáneos era o poeta do mar, como deixou escrito Vicente Risco, poñamos por caso. Esa querencia polo mar fai que me alegre inmenso a presenza do poeta actual que mellor representa esta poética, o amigo fisterrán Alexandre Nerium, autor de libros coma Vogar de couse (2003) ou Nocturnidade do sal (2008), quen nos acompañou desde os inicios no extinto Batallón Literario da Costa da Morte.
Mañá non poderemos estar na cidade coruñesa toda a xornada, mais reproducimos deseguida o promgrama ao completo, tirado da axenda da AELG.
MEDRE O MAR! é o título dunha Homenaxe Nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:
MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires
– 11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Ovidiu BatistaCarlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Nando LestónRubén Mariño, Marthazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Lara Pintos, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
– 12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
– 12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández (fillo do poeta), Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.
PASAR A MAROLA. Na Dársena
– 16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
– 18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.
MEDRE O MAR! No Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza
– 18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. ValcárcelDiana Varela Puñal.
Coa música de A Quenlla, Pablo Coello, videocreacións de Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes e Xurxo Souto.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Estudos literarios, Lingua, Música, Poesía, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a MEDRE O MAR!, a Homenaxe Nacional a Bernardino Graña, mañá, 1 de setembro, na Coruña

  1. Pingback: As crebas » Transfusión oceánica: os versos salgados do mariñeiro-poeta Xosé Iglesias gravados en alta mar

Os comentarios están pechados.