«Pescadores do Eume», un artigo de Xosé Manuel Lobato sobre a nosa camiñada polo Roteiro dos Encomendeiros nas Fragas do Eume


(Mapa do roteiro. Premer para agrandar o tamaño)
Xa se falou aquí do roteiro denominado Camiño dos Encomendeiros, que foi unha das nosas camiñadas do verán. O meu compañeiro de andaina Xosé Manuel Lobato publicou na súa columna quincenal «Lucerna da Portela» no xornal Galicia Hoxe un artigo intitulado «Pescadores do Eume», no que reflexiona sobre algunha das estampas que ollamos no noso percorrido por terras do Parque Natural das Fragas do Eume. Velaquí a súa prosa que alerta sobre a pesca furtiva nas augas do río:
LUCERNA DA PORTELA
Pescadores do Eume
Amencer nunha xornada de verán percorrendo a rota dos Encomendeiros na ourela do Eume é unha experiencia única, mais moi previsible. Néboas densas que dende o río enmascaran toda a zona de branca pureza e pescadores con licenza ataviándose esperanzados para iniciar unha xeira de pesca.
Camiñada bucólica nunha paraxe especial, aquí podemos percibir eses estímulos que nos trasladan a tempos pretéritos, onde o espírito e imaxinación dos bardos semella impregnado neste místico ambiente.
Druídas amantes das árbores sagradas que aínda se conservan neste húmido edén, malia o terrorífico incendio deste ano, son xoias da natureza conservadas polos nosos antepasados. Eles foron quen de modelalas, gozalas e amalas, xa que eran conscientes de que estas árbores eran unha parte de si mesmos.
Absortos no medio, mentres os seres fantásticos ían emerxendo dunha néboa que comezaba a espreguizarse, deixando nos cariñosos galanos raios luminosos, intres para bicar no chan polos escasos recunchos encontrados entre a espesa vexetación. Este río Eume semella feliz, entre luces e moitas sombras, sempre inmerso nunha explosión multicolor das brincadeiras augas que lle dan buliciosa vida. Vitalidade que tamén amosan un par de pescadores legais, afanados sen amosar síntomas de fatiga dende o abrente para acadar esa primeira captura que sempre tranquiliza.
Néboas esquecidas, manto triunfal esvaecido para unha xornada solleira, extremadamente calorosa, malas expectativas para esas dúas cañas esporádicas, a combinación de brétema e calor sufocante presaxia nefastos augurios para o dúo pescantín.
O tempo vello amigo da experiencia é un grao, cando o peixe non quere non hai maneira, polo tanto a encomenda trocou do material ao espiritual, gozar dunha contorna desta excelsa fermosura acompañados pola cantarela constante deste río é unha ledicia. A marxe esquerda do Eume conserva aínda un carreiriño pétreo milenario, onde o desprazamento entre pedras e auga aínda é unha acción do pasado adaptada o presente.
O pracer deste libertario movemento e rebelde son das augas, un binomio notable dunha pregaria intemporal, unha negra oda a flora e fauna por todos eses seres finados entre as chamas que devoraron recentemente esta exclusiva contorna. O mesmo mosteiro de Caaveiro foi asediado e ameazado polo lume incontrolado.
Observación aterrorizada dende o leito do Eume, o diminuto espiñento visualizou incrédulo como na vertente dereita do seu río as fogosas luminarias acadaron a uns pescadores convulsivos, moi coñecidos na zona, ousados eles teñen o descaro suficiente para pescar sen licenza, permanecen aferrados no lugar, ancorados con firmeza na mesma ourela do Eume para esquilmalo sen compaixón.
Os pescadores e camiñantes dos Encomendeiros observan, atónitos e avergoñados, os eucaliptos pescadores non dan tregua a este trobado río Eume e tampouco a este bosque atlántico das Fragas do Eume.
Existe unha administración responsable, a súa obriga é retirar as licencias destes furtivos, son coñecidos e de doada identificación, estes invasores non foxen, permanecen estáticos ao longo da ribeira chuchando do Eume.

Esta entrada foi publicada en Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.