En Normandía: «Unha viaxe á terra dos heroes», por Xosé Ameixeiras



(Premer nas imaxe para unha mellor lectura)
A nosa viaxe a terras da Normandía e da alta Bretaña co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), do 21 ao 28 de agosto, tivo como cronista de excepción ao xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Pepe Ameixeiras, habitual compañeiro nestas travesías, publicou o sábado 25 de agosto unha ampla crónica dos primeiros días da viaxe, asinada co pseudónimo Vicente de Lema. Apráceme reproducir deseguida a súa crónica traducida para a nosa lingua, como primeiro testemuño destas xornadas pracenteiras nas que tamén aprendemos moitas cousas da cultura e da historia destes territorios, principalmente polas disertacións do historiador Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom.
Unha viaxe á terra dos heroes.
Corenta veciños da zona percorren a rexión de Normandía
Escrito por Vicente de Lema
Normandía / enviado especial 25 de agosto de 2012
As terras de Normandía están aboadas con cadáveres de heroes. No decorrer dos séculos este territorio galo foi escenario de múltiples guerras e conquistas. A última cita bélica nestas paraxes foi o Desembarco do 6 de xuño do 1944, que supuxo o principio da fin do terror nazi. É unha boa razón para visitar estes lugares, a dous anos do 70 aniversario do martirio de cen mil soldados que deron a súa vida aquí por salvar a liberdade en Europa. Alén diso hai outros motivos no programa, como a continuación da rota do megalitismo atlántico e a análise das Fisterras europeas. A isto dedícanse os corenta expedicionarios do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte que desde hai catro días percorren esta rexión de Francia.
O periplo comezou o martes en Xixón, onde os excursionistas tomaron o ferry Norman Asturias, de Bari (Italia) e tripulado por moitos portugueses, para viaxaren deica Saint-Nazaire (Sant Nazer en bretón, Saint-Nazère en galo, a paréntese é miña), na desembocadura do río Loire. A travesía foi plácida para uns e non tanto para outros, que tiveron que botar man da biodramina para superar o transo. Xa na estrada, o desprazamento en autobús discorre entre explicacións sobre historias de reis e duques dispensadas por Xosé María Lema Suárez, presidente da entidade organizadora, que tambén vai dando pinceladas sobre aventuras de piratas e corsarios que sucaron estes mares. Mentres o ómnibus vai avanzando quilómetros sucédense territorios rurais que foron campos de batalla e que fai 68 anos quedaron sementados de mortos.
A primeira visita foi Granville, cidade da baixa Normandía que alberga o peirao pesqueiro no que máis moluscos se descargan en toda Francia. Na súa cidade alta acolle unha igrexa recuperada dos bombardeos e varios búnkeres do exército nazi. É o Muro do Atlántico, cuxo derrubamento tanto sangue lle costou aos aliados.
Son vilas nas que as igrexas aínda sobrancean por riba dos demais tellados, o que esperta comentarios sobre a necesidade de que as vilas da Costa da Morte recuperen a súa verdadeira esencia urbanística.
A primeira xornada sobre esta terra, que foi o berce do impresionismo francés, concluíu en Saint-Lô, a capital das ruínas, na que hai un monumento aos caídos case en cada recuncho. A súa catedral de Notre Dame foi restaurada despois dos bombardeos, mais na súa fachada occidental deixaron unha parte cortada a pico para non ocultar as consecuencias da destrución.
A seguinte xornada foi repartida entre os naufraxios e o Desembarco. A primeira parada que realizou Pablo Bustelo, o condutor da empresa Lázara que incluso é capaz de sacar do maleteiro as viandas para un ágape cando os expedicionarios están máis famentos, foi en Sainte-Mère-Église. Un paracaidista, John Still, quedou pendurado no campanario do templo a noite do 5 de junio de 1944. Como se fixo o morto, logrou sobrevivir.
O seguinte punto de destino foi o cabo La Hague, un lugar que se podería comparar con algún da Costa da Morte. Nas súas costas sucederon innumerables naufraxios, o que levou a convertelo no segundo punto de visitas de Normandía. Outra Fisterra que ten o faro, Le Goury, nun illote a unhas decenas de metros da costa e placas sobre vítimas no mar en varios emprazamentos. Na súa estación de salvamento mantéñense as embarcacións en dique seco, pódense ver as listaxes dos rescates desde 1871 e venden souvenirs sobre o mundo do socorrismo. As centinelas do mar son aquí un mito, nun lugar no que houbo desgracias como a do buque Luna, con 101 vítimas. Aconteceu o 17 de febreiro do 1860.
Cara ao obxectivo
A viaxe continuou por Barfleur, un pequeno peirao pesqueiro moi importante na Idade Media e no que souberon conservar toda a súa arquitectura tradicional, e Gatteville, cuxo faro construído en 1834 é o segundo máis alto de Francia. Ten 74 metros e tantos chanzos como días ten un ano. A aldea conserva unha igrexa que todos fotografaron pola súa torre do románico normando.
Porén, o obxectivo principal era Pointe du Hoc, que o día 6 de xunio de 1944 convirteuse no punto principal do cruento desembarco. Ese día e nestes cantís perderon a vida a maior parte dos soldados americanos que intentaban tomar as baterías nazis. O escenario da traxedia e de innumerables películas e documentarios é visitado cada ano por catro millóns de persoas. As ondas morren inocentes sobre as areas, que no ambiente aínda semellan escoitarse afogados os berros dos heroes que un día fai 68 anos deron aquí a súa vida pola liberdade.

Esta entrada foi publicada en Arte, Cinema, Documental, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a En Normandía: «Unha viaxe á terra dos heroes», por Xosé Ameixeiras

  1. Pingback: As crebas » En Normandía (II): «As ostras danlle sabor á viaxe a Normandía», por Xosé Ameixeiras

Os comentarios están pechados.