Olimpíadas, a lembranza de México 1968


Atrás quedan as Olimpíadas London 2012 e estou ben certo de que andando o tempo a miña memoria pouco ou nada ha lembrar delas, se acaso as carreiras de lóstrego do Usain Bolt. Porén, máis unha vez aínda recordo aquela imaxe de México 1968 (que non ollei na televisión ao vivo, senón moitos anos despois) dos atletas norteamericanos Tommie Smith e John Carlos, na que se atopan no podio dos 200 metros, ambos e dous cos puños erguidos e tapados con luvas negras, tal era o símbolo do denominado Black Power, alén de teren baixada a cabeza.
O xornalista Gianni Mura realizou unha reportaxe para o diario italiano La Repúbblica (28-06-2012) na que explica a historia desta imaxe mítica, anotando que Smith e Carlos facían parte do Olympic Project for Human Rights. Seica o xesto dos atletas tivo moito que ver co asasinato unhas semanas antes, en concreto o 4 de abril, de Martin Luther King, feito que tamén provocou o boicote de moitos atletas de cor e a súa negativa a participaren nos Xogos.
Alén diso, México 1968 serviu para ocultar a matanza de estudantes acontecida dez días antes da inauguración dos Xogos, historia que coñecín através do relato de Elena Poniatowska en La noche de Tlatelolco.
E a min, neste agosto, continúa a fascinarme a historia daquela imaxe mentres perdo interese polo negocio das Olimpíadas, onde a miña pequena nación milenaria non poder ter status de seu, nin se pode escoitar o seu himno pondaliano nun podio, nin se pode ollar a súa bandeira (como tamén sucedeu con outras nacións sen estado coma Escocia, poñamos por caso).

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Política. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Olimpíadas, a lembranza de México 1968

  1. yolanda di:

    alén de que as olimpiadas sexan un negocio en parte suxo e con moitos intereses político-económico, eu non o dubido, penso que a confluencia de culturas amosando o resultado dun esforzo de moitos anos de grandísimos deportistas, é fascinante, tendo en conta que hai deportes que rozan o artístico. O deporte non pode traducirse nun podio onde cantar himnos, vai moito máis aló diso, e por certo, houbo medalla para dous galegos, ben merecidas. Ainda asi o teu artigo resulta interesante pola información nel contida, como o resto do teu blog.un saudo e feliz agosto!

Os comentarios están pechados.