Expréss Literario de Muxía, a crónica persoal de Rosalía Fernández Rial


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O dixital compásdacosta publica a crónica persoal que realizou a poeta Rosalía Fernández Rial do Expréss Literario de Muxía, que se celebrou o pasado venres á tardiña na localidade costeira. Antes de reproducir as súas palabras, vou dicir o que ela cala, talvez por pudor ou por innecesaria modestia. Fala de todos nós, os que participamos nas presentacións de dez minutos, mais pasa con pés de la sobre a súa magnífica lectura de versos. Coido eu, sen temor a me trabucar, que foi a súa voz, de perfecta dición, a que mellor se acompasou e se fixo acompañar da música de Mon Búa. Se callar porque non é a primeira vez que ambos e dous comparten palabra e música, ao contrario do que os máis.
Velaquí a súa crónica persoal:
«Este venres, o Cabo da Vila deixou de ser unha praza pública. A ágora máis senlleira do porto que habitamos esqueceu a realidade das lousas para converterse en estación literaria. Quizais por iso nos ilusionamos con agardar un tren sen rumbo, como personaxes de Beckett ante o seu destino inalcanzábel. Só que negándonos a ancorar o cadáver en escenarios baleiros. Nós quixemos erixir unha viaxe colectiva, a golpe de versos descarrilados.
Na proa da locomotora, catro editoriais de Compostela: Alvarellos, Positivas, Sotelo Branco e Urco. Un cuarteto de soñadores profesionais dispostos a encadernar o fume das historias. Dentro, exércitos de poetas pouco cordos e a guitarra dun blues-man militante. Un total de metáforas infinitas sobre vías carentes de traxectos.
A singradura empezou cun Paco Souto erótico e apaixonado que nos guiou aos peitos das Sisargas a través de xemidos propios e alleos. Acto seguido, unha servidora volveu a estrofas que chegarán co remate de agosto. Xusto antes de que Miro Villar soprase, cal artesán de cristais venecianos, océanos de Bretemada. Para que Quique Alvarellos navegase salseiros de arte en doses de 30 gramos. Despois, Mato Fondo cantou, con forza barda, himnos de terras próximas; veciñas da sublime ironía coa que Samuel L. París nos deseñou sorrisos perpetuos; inflamables. Ata que Rivadulla Corcón, nun alarde de maxia retórica, recitou os sons do mar afinados no ton das buguinas. A mesma tesitura que a música muxiá de Mon Búa.
Todo a marcha exprés; coa fugacidade da escritura automática; entre delirios de maxín ceibe. Deixando atrás ronseis de figuras retóricas; sinestesias, símiles e oxímoros. Nada nos podía deter, nin sequera a esperanza dun convoi real. Nós ergueramos un tren moito máis potente; o transporte da imaxinación conxunta e os sentimentos liberados. Por iso a nosa viaxe continúa máis alá das estacións; no vento literario das utopías compartidas. Baixo o alento dun único brado: mil veráns máis para os libros en galego».

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Expréss Literario de Muxía, a crónica persoal de Rosalía Fernández Rial

  1. Rosalía Fernández Rial di:

    Moitas grazas, comandante! Bastante honra é para min compartir versos con tan célebre tripulación. Máis aínda sabendo que sempre nos volvemos atopar, “o mar, o barco e máis nós”.
    Saúde! E boa viaxe!

Os comentarios están pechados.