«Ruta Abentina por Muxía»: sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h.


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Xa falamos nesta bitácora do 1º Outlet de Libros de Muxía, que se celebrará os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto, na praza do Cabo da Vila. Os Editores de Compostela (agrupación conformada polas editoriais Alvarellos, Positivas, Sotelo Blanco e Urco), partillan desta volta a organización coa Fundación Gonzalo López Abente (da que fago parte) e co concello de Muxía.
O acto de inauguración deste 1º Outlet de Libros de Muxía terá lugar o venres, día 3 de agosto, ás 12.00 h., e estará aberto as tres xornadas dende esa hora até as 22.00 h. Ese primeiro día, ás 20.00 h., terá lugar un expréss literario, semellante a outro xa realizado en Compostela, onde autoras e autores con presenza nos catálogos das devanditas editoriais presentarán as súas obras en quendas de dez minutos. Pola miña banda hei presentar no devandito expréss literario a edición de Bretemada (Alvarellos, 2011), o poemario inédito de Gonzalo López Abente, e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía da Costa da Morte) (Sotelo Blanco / Asociación Neria, 2009), da que son compilador xunto a Modesto Fraga.
Pola súa banda, a Fundación Gonzalo López Abente organizou unha «Ruta Abentina por Muxía», que se desenvolverá o sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h, para percorrer a vila guiados por Xan Fernández Carrera e con sete estacións ou paradas en lugares importantes para a biografía ou a obra do muxián Gonzalo López Abente, nelas serán lidos poemas da súa autoría aos que lle darán voz algúns poetas da Costa da Morte.
No monumento dedicado a López Abente (saída e parada I) X. H. Rivadulla Corcón le o soneto «Muxía»; na casa onde viviu López Abente (parada II) non hai lectura de poema; no cruceiro do Cabo da Grixa (parada III) Serxio Iglesias le «O cruceiro do Cabo da Grixa»; no santuario da Virxe da Barca (parada IV) Carmen Sambade le «Abalando»; nas pedras da punta da Barca (parada V) Dolores Canosa le «A pedra da Barca»; no monte Corpiño (parada VI) Rosalía Fernández Rial le «No monte Corpiño»; no camiño e fonte da Pel (parada VII) Xosé Manuel Varela le «Moxena» e no coído e na Camposa (parada VIII) Miguel Vázquez Freire le «O meu mar» e Xaime Trillo le «A Camposa».

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.