No 1º Outlet de Libros de Muxía, os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Fervenzas Literarias adianta o cartaz do 1º Outlet de Libros de Muxía, que se celebrará os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto, na praza do Cabo da Vila. Os Editores de Compostela (agrupación conformada polas editoriais Alvarellos, Positivas, Sotelo Blanco e Urco), que xa teñen organizado con anterioridade outro outlet na cidade de Compostela, partillan desta volta a organización das xornadas coa Fundación Gonzalo López Abente (da que fago parte) e co concello de Muxía.
O acto de inauguración deste 1º Outlet de Libros de Muxía terá lugar o venres, día 3 de agosto, ás 12.00 h., e estará aberto as tres xornadas dende esa hora até as 22.00 h. Ese primeiro día, ás 20.00 h., terá lugar un expréss literario, semellante ao xa realizado en Compostela, onde autoras e autores con presenza nos catálogos das devanditas editoriais presentarán as súas obras en quendas de dez minutos.
Por parte da Fundación Gonzalo López Abente está a se organizar un roteiro abentiano que se desenvolverá o sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h, para percorrer a vila guiados por Xan Fernández Carrera e con sete estacións ou paradas en lugares importantes para a biografía ou a obra do muxián Gonzalo López Abente, nelas serán lidos poemas da súa autoría aos que lle darán voz algúns poetas da Costa da Morte.
Pola miña banda ofrecínme a presentar no devandito expréss literario a edición de Bretemada (Alvarellos, 2011), o poemario inédito de Gonzalo López Abente, e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía da Costa da Morte) (Sotelo Blanco / Asociación Neria, 2009), da que son compilador xunto a Modesto Fraga.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Narrativa, Poesía, Presentacións, Roteiros, Teatro, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a No 1º Outlet de Libros de Muxía, os vindeiros días 3, 4 e 5 de agosto

  1. Pingback: As crebas » No 1º Outlet de Libros de Muxía

  2. Pingback: As crebas » «Ruta Abentina por Muxía»: sábado, día 4 de agosto, entre as 11.00 e as 13.00 h.

Os comentarios están pechados.