Á lus do candil abre as portas e as páxinas dos libros en Arteixo: venres, ás 20,00 horas


(Cartón de convite. Premer ma imaxe para unha mellor lectura)
Chegou o convite para o acto de inauguración da libraría Á lus do candil que terá lugar este venres 20, ás 20,00 horas en Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) e na que lerei algúns versos na compaña de poetas: Lucía Novás, Rivadulla Corcón, Marilar Aleixandre, cos cadros de Nolo Suárez e coa música de Sés, da que abaixo reproduzo un video onde canta o tema «Admirando a condición».
Non o sei de certo, mais talvez escolla estes dous poemas do libro As crebas (Espiral Maior, 2011) que falan de libros e de lecturas.
Notas manuscritas
Futuros palimpsestos as notas manuscritas que abandonas nos libros das poetas amadas, a perdérense incertas porque se anuncian tempos no que as bibliotecas serán Alexandría neste transo de oráculos que agoiran a derrota do libro como obxecto.
Dubidosa existencia. Impreciso o destino das notas manuscritas que descobren lecturas, moitas revisitadas, nas que os teus ollos limpos intimaron cos versos, nas que o pálpito suave do teu corpo delgado foi coma húmido xunco no limo da xunqueira, un tremor indomable na atonía das horas.
As notas manuscritas voan no inescrutable silencio que o refacho dun novo tacto creba.
Novelas de aventuras
As mulleres, que len, son perigosas, seica, e ti xa non concibes a existencia sen libros desde aquela nenez feliz na biblioteca cando a balea branca Moby Dick era un soño do capitán Akhab e ti tamén soñabas con chamarte Ismael na cuberta do Pequod.
Ou Huckleberry Finn, Tom Sawyer, Sandokán, Kim, Miguel Strogoff, Marco Polo, Lord Jim, novelas de aventuras con mulleres caladas, con ou sen amor, presas do dedal e da agulla.
As mulleres, que len, foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Á lus do candil abre as portas e as páxinas dos libros en Arteixo: venres, ás 20,00 horas

  1. Modesto di:

    Grazas por acompañarnos no acto de inauguración da libraría, Miro. Os libros son a lus que lle dá sentido ao candil da vida. Apertas fondas

Os comentarios están pechados.