Á lus do candil, unha nova libraría en Arteixo


(«Travailler moins, pour Lire plus», isto é «Traballar menos, para Ler máis». Fotografía do diario francés Libération)
Recibimos con pracer o convite do amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e da súa compañeira Alba para partillar con eles a inauguración da súa libraría na localidade coruñesa de Arteixo e que vai levar a foleana e fermosa denominación de Á lus do candil. Velaquí a mensaxe dos amigos, agora libreiros:
«Despois de varios meses de xestións de diversa índole (obras de acondicionamento do local, permisos, contactos editoriais, etc), o vindeiro venres, día 20, ás oito da tarde, imos levar a cabo o acto de inauguración da nosa libraría, Á lus do candil, un espazo de cultura no que queremos amosar a situación actual do libro galego e do noso sistema literario.
Nestes momentos xa temos todo moi avanzado e, agás causas de forza maior (suba do IVE, recurtes no sector, nas subvencións…), o día 20 abriremos as nosas portas en Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) con toda a ilusión do mundo para que o aire fresco da cultura entre e inunde de esperanza os nosos corazóns.
A nosa idea é facer un acto inaugural fermoso e entrañable con poesía, música e pintura. Cos músicos xa contactamos (temos a confirmación de Sés para colaborar conosco no acto) e, polo tanto, como poeta amigo de tantas singraduras apelo á túa xenerosidade para que nos acompañes, de poderes, coa túa presenza no acto de apertura.
Unha vez rematado o acto haberá, como é lóxico, uns pinchiños e uns viños do país para facer máis agradable a velada, faltaría máis!!!
En fin, agardo poder contar contigo o día 20 e así poder facerche partícipe das nosas ilusións a prol do futuro do libro galego e do noso sistema literario.
Unha fonda aperta de amizade».
E aló estaremos para os parabenizar e desexarlles moita sorte nesta nova andaina. O que é ilusión non lles falta, pois notáselles sobrados dela. Boa singradura!
E a serdes imaxinativos, como lin en Libération destas dúas libreiras francesas e que na fotografia están perante un cartaz que di: «Travailler moins, pour Lire plus» («Traballar menos, para Ler máis»), co que concordamos , malia as brutais retalladas de Mariano Rajoy.
Seica hai unha década que Isabelle e Françoise abriron a súa libraría no corazón de Aubervilliers, daquela a única nesa cidade de 74.000 habitantes, e recorrendo sempre a propostas imaxinativas para promocionar a lectura e, por suposto, vender libros, que diso trata o negocio.

Esta entrada foi publicada en Encontros, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

7 respostas a Á lus do candil, unha nova libraría en Arteixo

  1. Modesto di:

    Prezado Miro:
    Moitísimas grazas polas túas palabras, tan entrañables e cheas de afecto, e por acompañarnos no acto de apertura.
    Sempre estaremos en débeda contigo por axudarnos a prender a chama da “Lus do candil”.
    Unha fonda aperta.
    Alba e Modesto

  2. Pingback: As crebas » Á lus do candil abre as portas e as páxinas dos libros en Arteixo: venres, ás 20,00 horas

  3. Pingback: Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil | ::Axenda cultural AELG::

  4. Rosalia di:

    A valentia e mais a ilusión ten duplo mérito nunha con conxuntura como a actual. A busca imaxinativa e o discernimento contribúen a salvarnos desta salvaxada mercantil. Ánimo e sorte.

  5. Pingback: As crebas » A libraría Á lus do candil no programa “ZigZag Diario” da tvG2

  6. Pingback: O Grupo Poético Hedral recitará en Arteixo | O levantador de minas

  7. Pingback: As crebas » Non sermos profetas na terra (unha imaxe do nadal)

Os comentarios están pechados.