O dolmen de Dombate nos versos de Gonzalo López Abente e Antón Zapata García





(O dolmen de Dombate e tres imaxes das réplicas. Fotografías de B. Romero, para compásdacosta. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Os dixitais compásdacosta, quepasanacosta, culturagalega.org, e outros medios están a se facer eco de que xa está aberta (madía leva!) desde hoxe aos visitantes a estrutura que é unha réplica exacta do interior do dolmen de Dombate e que fora encargada pola Deputación da Coruña. Nesta reconstrución reprodúcese a cámara do antigo monumento megalítico ao seu tamaño natural e tamén inclúe os restos das pinturas, bastantes danadas, que se conservan nas súas paredes interiores. As orixinais non poderán ser visitadas xa que poderían danarse.
Teño visitado esta anta ou arca funeraria, o dolmen de Dombate, en ducias de ocasións, creo lembrar que a primeira vez fora co meu amigo antrópologo Manuel Vilarhai xa ben anos e desde aquela retornei en peregrinaxe case anual (algún ano máis dunha vez) para levar visitantes de fóra até aló. Coñecino pois en estado selvaxe, en abandono, nos últimos anos coa presenza dun magnífico guía ás portas, o historiador cabanés Ángel Eiroa, Lito, que non hai moito falaba da súa experiencia no primeiro artigo da excelente serie «Unha visita semanal a Dombate» que Ubaldo Cerqueiro escribiu no dixital quepasanacosta.
Malia as luces e sombras, mais destas que daquelas, que rodearon o proxecto musealizador do dolmen de Dombate, quero deixar o meu grao de area nesta celebración con dous históricos poemas, talvez moito menos coñecidos que os versos de Eduardo Pondal.
O primeiro intitulado «O dólmen» é de Gonzalo López Abente e apareceu publicado no libro Alento da raza (1917), e aínda que non cita expresamente Dombate con certeza foi o monumento megalítico que inspirou os seus versos.
O segundo co epígrafe «O dolmen de Dombate» é un soneto de Antón Zapata García e pertence a súa única obra poética, A roseira da soidade (1954), aínda que antes xa vira a luz na revista Céltiga, Bos Aires, nº 32, 25 de abril de 1926. No mecanoscrito do libro (co que traballamos na Tese de Doutoramento) o subtítulo foi aparentemente borrado polo autor. Subtítulo que tampouco aparece na versión da revista Céltiga, onde se publica precedido dunha fotografía co seguinte pé: «Lage: Dolmen de Dombate», indica «Para “Céltiga”» e reproduce en autógrafo a sinatura A. Zapata García. Por volta de 1936 unha copia mecanografada foille enviada a Filgueira Valverde para a súa fanada Escolma de poesía consultada e que recuperaron aínda hai pouco os profesores Ana Acuña e Xesús Alonso Montero, co título XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada, Museo de Pontevedra, 2008). Nela, tamén sen subtítulo, despois da rúbrica o poeta engade «1926» como data da escrita do soneto.
Por certo, a aplicación de Google Earth dispoñibilizada polo Consello da Cultura Galega da que falamos na anterior anotación recolle os versos de Eduardo Pondal e este soneto de Antón Zapata García, ilustrados por varias fotografías.
Velaquí ambos e dous poemas:
O DÓLMEN
Moimento imperturbabre: na nobre xuventude,
esta baruda raza frabicando con tolo
entuseasmo, soñando ao morno amor do colo
da moza nai que canta rebolando saúde.
Fervendo en ardor místico, sobiches hastra Dios;
unha oración con moles de granito fixestes,
c’o retombar das pedras sonóu a túa vos,
y-atrás d’unha alma ida chegar ao ceo quixestes.
Forte raza, premite que o espíritu levante
un teu cativo fillo, no pasmo sumerxido,
ollando para un dólmen soberbo y-atrevido,
y-atrevido e soberbo coma un pöeta cante.
Alí está, coma un tempro, na alta cume seréa
d’un facho vixiante, co-a pátina cuberto
dos sigros que pasano, igoal que no deserto
a esfinxe melancónica pra a lexania olléa.
Treman os liquens pálidos nas pétreas vestiduras
d’esta oración subrime que os antigos rezaron,
e cando o vento funga nas prefundas costuras,
parez que conta históreas dos tempos que pasaron.
Os penedos inxentes arrescenden á hucha
de pazo medéoeval, e son a letra santa
de frase mistereosa que, coma unha frol mucha
pol-o sol abrasada, cara o sol se levanta.
Cando na tarde queda borda o sol no oucidente,
sobre do cañamazo azul e trasparente,
as creacións subrimes da eterna fantesía,
brila o dólmen coma unha cróa de pedrería.
O crepúsculo viste o altare da montana
c’os sagrados encaixes de subrime artificio,
frabicados con nubes de escarlata e de grana,
para ofrecere aos dioses solemne sacrificio;
y-estonces esa mole de penedos xigantes,
erguido ao ceo, paresce un pontifice sumo,
fervoroso ofrecendo as oracións vibrantes
que soben en douradas espirales de fumo.
Gonzalo López Abente
 
O DOLMEN DE DOMBATE
(D-UNHA COSTUME DANZAL CELTA:
A ROLDANZA)
AO sôn das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.
As súas cantareas d-arela, fide e espranza,
voaban pol-a gandra, câl pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas
brandéndose cô sopro da bris da venturanza.
D-aqueles nobres tempos —¡ouh, dolmen de Dombate!—,
sô tí quedache ergueito, dempóis do fero embate
que os lobicóns de Roma levano ao teu solar;
mais, se de nuite a lúa tece seu albo sayo
cabo de tí, dí a xente que vái pra LAXE ou Bayo,
que vío bultos brancos ao teu redor bailar!
Antón Zapata García

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Poesía. Garda a ligazón permanente.