Mont-Saint-Michel liberado das turbinas eólicas pola Unesco


(Le Mont-Saint-Michel vu du ciel en 2011. http://www.projetmontsaintmichel.tv/site/)
Mont-Saint-Michel é un lugar fascinante, malia que na miña única estadía non me deixase un magnífico recordo pois, coma din por Fisterra, había xente coma area. Subir e baixar aquelas encostas ateigadísimas nun día de agosto fíxose eterno, coma unha pregaria.
Heille dar outra oportunidade este verán na viaxe que faremos co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e, mais cadra polas mesmas datas e non sei eu.
A edición de onte do xornal Le Monde sinalaba que o Mont-Saint-Michel puido manter o seu rótulo de “Patrimonio Mundial da UNESCO“. A nova dá conta de que a ameaza de poñer o Mont Saint Michel na listaxe do Patrimonio Mundial en Perigo da UNESCO (en cuxa páxina podemos gozar dunha espléndida galería de imaxes do lugar) foi levantada este martes 26 de xuño. Francesco Bandarin, director de Cultura da UNESCO, sinalou que foi seleccionado un proxecto que contempla unha zona de protección prohibindo turbinas eólicas a unha distancia de 40 km por 20 km [en torno á baía], para evitar a contaminación visual. Alén diso, tamén recomenda outras medidas que teñen a ver coa pasarela de acceso desde a costa, pois a a paraxe fica moi dentro do mar coa suba das mareas.
Nós estivemos por aló en horas de devalo e daquela experiencia persoal e visual naceron tres dos haikus que se inclúen no meu poemario aínda inédito Breizh.
MONT-SAINT-MICHEL (I)
A baixamar
revela desamparo.
Fugaz imaxe.
MONT-SAINT-MICHEL (II)
Un mar de xente
con areas nos ollos.
Non hai perdón.
MONT-SAINT-MICHEL (III)
Peregrinaxe
da abadía en silencio.
Premonición.

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.