Poemas do mar para a nova exposición de Nolo Suárez: mañá, venres, 22 de xuño, na coruñesa Galería Arte-Imagen


(Cartón de convite. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Mañá, venres, 22 de xuño, despois de pasarmos o solsticio de verán, estarei convidado (e non precisamente de pedra) a ler poemas sobre o mar na inauguración da exposición pictórica «Miradas mariñas» do amigo artista Nolo Suárez. Ha ser na coruñesa Galería Arte-Imagen (Rúa Ramón y Cajal, 5-baixo), onde os cadros desta serie xa están expostos desde o pasado 2 de xuño e até o 4 de xullo. Ás oito da tardiña, alén das palabras do artista, vaise celebrar un recital denominado «Navegacións poéticas» na propia galería, coa temática do mar en xeral. E estes dous poderían ser os poemas que eu escolla para ler e que fan parte do meu último poemario As crebas (Espiral Maior, 2011).
O MAR (I)
Un mar, creedme, necesito un mar,
un mar donde llorar a mares
y que nadie lo note.
«Testigo de excepción», Ítaca (1972),
FRANCISCA AGUIRRE

No mar de Caldebarcos atopaches o mar que ti
necesitabas e os abrazos das vagas que rompían nos
baixos chegaron até as dunas e interromperon páxinas
nos estáticos ollos onde se detivera a lectura do tempo, e
as vagas penetraron oportunas no libro para levaren
Coetzee na resaca da tarde e deixaren o sal nos tellados
das casas, construcións mariñeiras con solainas de area e
argazos nas varandas dos balcóns e nas portas.

No mar de Caldebarcos atopaches o mar e fostes de mans
dadas nun paseo de días que trouxeron a calma mais non
o esquecemento, porque o sal é perenne como o son as
mareas.

O MAR (II)
En la noche fui hasta el mar para pedir socorro
y el mar me respondió socorro.
«Triste fiera», Ítaca (1972),
FRANCISCA AGUIRRE

E fuches deica o mar para pedir socorro como as voces
do náufrago que oe a costa da morte, como aqueles
lamentos onda a punta do Boi, cemiterio de ingleses que
olla areal de Trece.

E o mar trouxo buguinas con mensaxes cifradas, de
afastados lugares no horizontal das terras, de paisaxes
oblicuas na vertical do tempo, que o teu coñecemento
non puido transcribir.

Viñan das errabundas fantasmas do pasado que cargaban
a culpa nos seus lombos fenicios.

Quixeches o comercio da túa dor atlántica coa luz
mediterránea mais todo era sonámbulo desacorde dos
soños, porque do mar quedaron tan só sabas de area do
deserto de Siria.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Poesía. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Poemas do mar para a nova exposición de Nolo Suárez: mañá, venres, 22 de xuño, na coruñesa Galería Arte-Imagen

  1. Pingback: As crebas » «Navegacións poéticas» para a pintura de Nolo Suárez

Os comentarios están pechados.