Compás da Costa, unha nova xanela aberta desde e para a Costa da Morte


O Día das Letras Galegas ten de seu un capital simbólico. Esa significación serviu, por exemplo, para que o ano pasado nacese a revista cultural dixital letraenobras, aos que parabenizamos no seu primeiro aniversario.
Pois ben, neste 17 de maio do 2012 publicouse en papel o Número especial saída do semanario Sermos Galiza, que xa leva semanas na rede, como adiantamos nesta ligazón, e que agora pretende saír tamén en papel. Eu xa son subscritor.
E hoxe tamén naceu outro proxecto dixital que nos atinxe pola proximidade xeográfica do corazón. Deron en chamarse Compás da Costa e teñen como subtítulo «A axenda de lecer de Fisterra ás Sisargas». Aquí explican a demarcación xeográfica que vai ser obxecto da súa atención informativa e acolá dan conta de onde e para que veñen. Deseguida reproduzo estes parágrafos ao tempo que lles desexamos unha longa navegación na rede para este ilusionante proxecto.
Quen somos?
«Detrás de Compás da Costa atópase un grupo de 3 xornalistas e 3 comunicadores audiovisuais que se acaban de licenciar recentemente. Somos de diferentes vilas da Costa da Morte (concretamente de Carballo, Baio, Vimianzo e Muxía) e pretendemos facer unha revista dixital que vai amosar que si existe cultura nesta terra. Faremos reportaxes de eventos culturais, deportivos, paisaxes e tradicións pouco coñecidas. Tamén nos encargaremos de promover as actividades que organizan os concellos, asociacións e entidades culturais da costa.
Detrás de nós non se atopa ningún tipo de entidade nin política nin empresarial. Só a iniciativa creadora de 6 mozos preocupados polo desenvolvemento cultural da zona.
A responsabilidade e o entusiasmo son dobres. Por unha parte quixemos ser impecablemente rigurosos nos tempos e na calidade xornalística. Pola outra, respectar todas as áreas evitando limitarnos a ser unha axenda estrictamente cultural.
En resumo, Compás da Costa é lecer, deporte, natureza, patrimonio, gastronomía, literatura, teatro, danza, música, museos, arte e cinema. En definitiva, Compás da Costa é cultura. Somos o teu guía para marcar o tempo desta terra. O compás tamén de todos os concellos, asociacións e persoas que procuran día a día que a cultura non morra na Costa».

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Cinema, Contos, Documental, Encontros, Ensaio, Entrevistas, Exposicións, Fotografía, Historia, Humor, Infantil, Lendas e mitos, Lingua, Música, Narrativa, Poesía, Política, Premios, Presentacións, Roteiros, Teatro, Televisión, Tradicións, Xornadas, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Compás da Costa, unha nova xanela aberta desde e para a Costa da Morte

  1. palmira di:

    Ohhh, vaia descubrimento! Graciñas!

Os comentarios están pechados.