Acto literario de homenaxe a Gonzalo López Abente en Muxía o 17 de maio, Día das Letras Galegas 2012


(Convocatoria do acto e a nova hoxe na edición comarcal en papel de La Voz de Galicia. Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A Fundación Gonzalo López Abente, da que fago parte, convoca para mañá, 17 de maio, Día das Letras Galegas 2012, ao mediodía en Muxía un acto literario de homenaxe a Gonzalo López Abente.
A decidida participación na convocatoria de manifestación nacional da plataforma Queremos Galego ao mediodía en Compostela non vai posibilitar a miña presenza, e ben que o sinto, mais velaquí vai o programa previsto na localidade costeira por se andades por aló:
Ás 12 horas:
Ofrenda floral diante do Monumento a Gonzalo López Abente, acompañada da presentación dos actos a cargo de Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación Gonzalo López Abente, e a intervención de Xesús Sambade.
Deseguida X. H. Rivadulla Corcón lerá un texto de López Abente sobre a lingua galega.
A comitiva das persoas participantes deslocarase até a casa na que viviu López Abente, para inaugurar unha lousa conmemorativa, coa intervención de Xan Fernández Carrera e a lectura dun poema a cargo de Viki Rivadulla.
Finalmente os actos continuarán no Cabo da Grixa, lugar de nacemento do poeta muxián; alí será descuberta unha placa co texto no que o propio López Abente fai mención ao seu nacemento neste lugar da vila. Intervirán no peche dos actos Manuel Vilar e a poeta Rosalía Fernández Rial, facendo a lectura do poema dedicado ao cruceiro do Cabo da Grixa.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.