Cincuenta anos do Día das Letras Galegas


Ben fermosa a iniciativa dese número especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, realizado en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), que xunta cincuenta artigos asinados por outros tantos académicos numerarios e correspondentes sobre os protagonistas do 17 de maio, Día das Letras Galegas, desde a súa creación en 1963 e ata o actual 2012. As colaboracións pódense ler todas, de maneira aberta ao público, na páxina do rotativo coruñés, porén nesta bitácora reproducimos os artigos dedicados aos únicos autores da Costa da Morte que figuran na listaxe: Eduardo Pondal Abente, Día das Letras Galegas, 1965, nun texto escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, e Gonzalo López Abente, Día das Letras Galegas, 1971, por Xosé María Lema Suárez, académico correspondente. Cabo deles tamén un autor de quen conmemoramos o seu centenario, Celso Emilio Ferreiro, Día das Letras Galegas, 1989, e cuxo texto está escrito por Alba Nogueira López, nada en Toba (Cee) en 1968 e profesora de Dereito Administrativo na USC e académica correspondente.
As breves semblanzas van acompañados dunha bibliografía escollida, non completa.
Eduardo Pondal Abente. Día das Letras Galegas, 1965
Por Xosé Luís Méndez Ferrín
Pondal foi, coma todos os seus próximos, un nacionalista que confiaba na Iberia federada, na que non podía faltar Portugal. No que se refire ao seu modo poético, el foi e segue a ser diferente a todos os nosos clásicos. Representa coma ninguén a superación da estilística decimonónica da sensibilidade romántica e a apertura ás formas do século XX. El viu, o primeiro, a necesidade de superar todo verismo e exhalou un idealismo atemporal sumamente vigoroso. Promoveu unha lingua literaria «de ouro», descargada de populismo. A súa condición de humanista e políglota estivo ao servizo da construción desa lingua literaria e sabia, e en tal labor recoñeceu a Curros como principal coadxuvante. Pondal, ademais, é o pasado mítico. Estaba seducido polo mundo grego, polo viquingo, mesmo por outros exóticos ou lendarios, como corresponde ao tempo en que el sabía que estaba a botar os alicerces dunha literatura nacional. Chantou os pés na terra de Bergantiños e mergullouse no Océano occidental, polo que sentiu fascinio, desde a atalaia do Monte Branco da Ponteceso. E decontado sentiu a necesidade de construír o gran poema épico fundacional da nosa lingua, durante longuísimos anos escribiu Os Eoas, o relato iberista en lingua nosa que el quixo distanciar da realidade galega e situar no Atlántico e nunha historia que non era a nosa. Distanciamento vaticinante pois, iso tamén é Pondal. A súa cova, en San Amaro da Coruña, está tamén fronte ao mar de Breogán. Iremos pórlle carrascas amouradas ou unha rosa de Corcoesto.
* Obra
A campana d´Anllóns, 1895
Queixumes dos pinos, 1886
O Dolmen de Dombate, 1895
Os Eoas, 2005 [edición de Manuel Ferreiro]
Eduardo Pondal
*Ponteceso, 1935
*A Coruña, 1917
Gonzalo López Abente. Día das Letras Galegas, 1971
Por Xosé María Lema Suárez
Aínda que tamén foi narrador e dramaturgo, destacou sobre todo como poeta. É un dos nosos grandes poetas do mar, sendo o seu o mar bravo e inquedo da Costa da Morte. En 1909 casou coa súa curmá Balbina Abente, que lle morreu de parto ó ano seguinte e iso condicionaría a súa vida e obra. O seu primeiro poema (Un velorio na aldea) data de 1899, con apenas 21 anos. Na segunda década do século XX acadou sona como escritor e a Real Academia Galega farao académico correspondente. O seu compromiso co idioma propio sempre foi claro; en 1921 escribe: «Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo facelo noutra fala que non fose a mesma del, a que decote lle serviu para as súas necesidades». Participará nos movementos a prol do idioma e do galeguismo, uníndose ás Irmandades da Fala (1916), á Asemblea Nazonalista (1917) e á Irmandade Nazonalista Galega (1922). En 1926 entra no Seminario de Estudos Galegos. En 1936 participará na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia. Polo seu compromiso galeguista e republicano será represaliado polos sublevados en 1936, que o deixarán sen emprego. En 1941 entrou como numerario na RAG, cun discurso sobre a poesía de Pondal. No 2011, por iniciativa do Concello muxián, créase en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para difundir a súa obra.
* Obra
Escumas da ribeira, 1911
D´Outono, 1924
Nemancos, 1929
Vaosilveiro, 1929
Gonzalo López Abente
*Muxía, 1878
*Muxía, 1963
Celso Emilio Ferreiro. Día das Letras Galegas, 1989
Por Alba Nogueira López
É Celso Emilio Ferreiro un dos poetas máis recitados e cantados da poesía galega. Unha poesía que el quere comprometida, «de defensa, de denuncia, de ataque», en relación cos problemas da humanidade. A «longa noite de pedra» que atravesou o noso país coa ditadura encontra nos versos do poeta unha voz de defensa da liberdade, dos oprimidos, da lingua, do país.
Celso Emilio simboliza con esa súa vida e obra a historia de Galiza do século XX. Tras participar na Federación de Mocedades Galeguistas, chegando a ser secretario de organización e concelleiro nacionalista en Celanova, é obrigado a participar na Guerra Civil nas filas do bando sublevado. Ao finalizar a guerra estuda Dereito e mantén unha actividade cultural intensa. É un dos membros fundadores da Unión do Povo Galego en 1964. Vese empurrado pola represión franquista a buscar acubillo en Venezuela en 1966, onde traballa na Irmandade Galega de Caracas, da que acabará sendo expulsado por presións do embaixador de España pola orientación do seu labor dinamizador, abertamente inconformista e incómodo para os desleigados que campaban á fronte das sociedades. Regresa a Madrid en 1973 exercendo un continuado traballo cultural e político ata a súa prematura morte.
* Obra
Cartafol de poesía, 1935
O soño sulagado, 1955
Longa noite de pedra, 1962
Viaxe ao país dos ananos, 1968
Onde o mundo se chama Celanova, 1975
Celso Emilio Ferreiro
*Celanova, 1912
*Vigo, 1979

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Cincuenta anos do Día das Letras Galegas

  1. Pingback: As crebas » Gonzalo López Abente no volume Todas as letras do Día das Letras Galegas

Os comentarios están pechados.