Obra completa. Volume I: Prosa, de Manuel Antonio (Edición de Xosé Luís Axeitos)


A aparición deste volume, que recolle a obra en prosa de Manuel Antonio, é un acontecemento extraordinario e singular para a nosa literatura coma ningún outro nos últimos anos, polo que ten de descuberta dun importante corpus de textos inéditos que agrandan a dimensión do poeta rianxeiro Manuel Antonio (1900-1930). O editor literario, o académico e profesor Xosé Luís Axeitos, tamén rianxeiro, explica na Introdución Xeral que «forma parte dun proxecto conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié e permitirá, por fin, a publicación da obra completa do escritor rianxeiro. O devandito proxecto inaugura tamén unha nova colección, con vocación de futuro, que se denominará Clásicos da Academia».
Ese ambicioso e suxestivo proxecto de compilar a verdadeira obra completa de Manuel Antonio estaría perfilado por cinco volumes: a prosa no primeiro; o frondoso epistolario no segundo e no terceiro; a poesía no cuarto e unha biografía do escritor rianxeiro no derradeiro. E aquí vén a única mácula ou pexa que, malia ser minúscula, non é menor. Sucede que este Volume I: Prosa inclúe no seu último apartado todas as traducións poéticas realizadas por Manuel Antonio, que en boa lóxica deberían facer parte do tomo poético.
Na breve, a aínda así magnífica, Introdución Xeral da presente compilación o editor lembra o primeiro plan de rescatar boa parte destes textos por parte do curmán do poeta, Roxelio Pérez, Roxerius, xa por volta do 1943, e que Axeitos cre que se fanou pola situación persoal daquel ao ser depurado do Maxisterio polas autoridades franquistas, pois «Non estaba, logo, en condicións de significarse editando textos certamente nacionalistas e revolucionarios no contexto da represeión franquista dos primeiros anos corenta». Esclarecido este asunto, Axeitos anda con pés de la á hora de enxuízar as edicións do doutor Domingo García-Sabell, a quen Pura Sánchez, a nai do poeta, entregara todo este caudal de información que adurmiñaba até hai pouco nos arquivos da Fundación Barrié. Sería ben sabermos as razóns ou cando menos podermos avanzar nunha hipótese sobre un feito que autores coma Méndez Ferrín teñen cualificado de «secuestro», porén aínda seguimos na dúbida. (…)
Son os primeiros parágrafos da recensión que estou a escribir para o vindeiro número da revista Grial por encomenda da profesora Dolores Vilavedra e despois de facer unha das máis gozosas lecturas desde hai moito tempo. Habemos falar aínda disto.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Epistolarios, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Obra completa. Volume I: Prosa, de Manuel Antonio (Edición de Xosé Luís Axeitos)

  1. Pingback: As crebas » «A cultura celebra a súa propia resistencia. Enquisa entre as xentes da cultura sobre o máis sobranceiro do último ano», artigo de Iria Ameixeiras e Fátima Fernández

Os comentarios están pechados.