Unha xornada de diversas angueiras literarias


(Nova da presentación en Cee na edición comarcal en papel de La Voz de Galicia)
Hai xornadas nas que os acontecementos arredor da literatura enchen as horas. Onte, 25 de abril, foi unha delas. De primeiras ao acompañarmos ao noso alumnado a dúas actividades relacionadas co mundo dos libros e organizadas pola nosa colega Asun Carredano, responsable da biblioteca escolar do CPI de Trazo. A primeira foi unha interesante visita guiada (semellante a esta) por todas as instalacións da Biblioteca Pública Ánxel Casal, de Santiago de Compostela, que rematou nun xogo no que as e os estudantes tiveron que procurar información nos catálogos informatizados e achar un mangado de libros. As dimensións do espazo e as múltiples posibilidades que ofrece resultaron do seu agrado.
Non menos interesante resultou a visita á Libraría Couceiro, onde recibiron unha charla explicativa sobre a encadernación e restauración de libros, nomeadamente antigos e vellos, proferia por María Couceiro que os soubo enguedellar a todos, para rematar cun percorrido polas seccións da libraría.
Deseguida, rematada a miña xornada laboral e sen tempo para xantar, houbo que deslocarse até a miña vila de Cee, para participar nunha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cee. Ás catro da tarde, no salón de actos do Concello de Cee, partillei mesa coas escritoras Concha Blanco e María Canosa para presentarmos ao alumnado dos colexios Eugenio López (público) e Manuela Rial (concertado) algunha das últimas obras da nosa autoría destinadas ao público infantil. María Canosa optou por lles ler O crebanoces, clásico de Ernst Theodor Amadeus Hoffmann, en cuxa adaptación participou xunto ao ilustrador David Pintor. Eu aproveitei para lles facer unha lectura comentada do libro A cobiza do verme Noel, proxectando nunha pantalla as ilustracións de Marta Álvarez Miguéns. Rematou o acto coa intervención de Concha Blanco, que fixo un percorrido polo significado das celebracións do Día Ingternacional da Literatura Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día Mundial do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio), antes de lembrar cales foran as súas primeiras lecturas hai ben anos, sempre agasallo das súas mestras, senllas edicións en castelán de El gato con botas e unha biografía para a rapazada de Juana de Arco. E como isto influíu tamén na súa decisión de escribir en lingua galega a súa obra para lle fornecer material ao seu alumnado, desta experiencia habían nacer os seus primeiros libros Contos para a escola (1981) e Cousiñas para a escola (1984).
Non había ser este o último acto, pois pasadas as seis tarde aínda me xuntei co investigador e filólogo baiés Xosé María Rei Lema e co poeta fisterrán Alexandre Nerium para fallarmos o I Certame de poesía sobre os Faros da Costa da Morte que convocou o Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez. Non podo desvelar agora os gañadores, até que os faga públicos a entidade convocante, mais si podo dicir que a calidade media foi alta nas tres categorías: escolar, xuvenil e adultos, e tamén que non tivemos moita discusión no xuri, pois concordamos na unanimidade da nosa escolla que axiña será pública.
Xa logo, no tempo de lecer, houbo vagar para a conversa co noso común amigo, o bibliotecario de Cee, Xosé Ramón Rey Senra, todos catro a beremos unhas cervexas con ou sen alcohol, dependendo de se houbese ou non que conducir. Un día moi intendo do punto de vista literario, abofé.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Encontros, Exposicións, Infantil, Narrativa, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Unha xornada de diversas angueiras literarias

  1. Pingback: Cee e Malpica fanse padriños dun libro

  2. Pingback: As crebas » A cobiza do verme Noel, presentación en Cee (II)

Os comentarios están pechados.