Memoria Literaria (I): En Rianxo, case vinte e cinco anos atrás…


(Rianxo 1985: con Avelino Pousa Antelo; Gustavo Santiago Valencia; Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo; o alcalde, Xosé Bravo Frieiro e Francisco Fernández del Riego. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

(Rianxo 1985: Ánxeles García Sumay (Anxos Sumai) en primeiro plano, con Avelino Pousa Antelo; Gustavo Santiago Valencia e Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo)

(Rianxo 1985: Brinde con Avelino Pousa Antelo e Pepita Blanco, viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo) (Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Ao fío do Día do Mundial do Libro e do Dereito de Autor, que promove a UNESCO, reproduzo unhas vellas fotos que atopou polo Concello de Rianxo o seu técnico de Cultura, e poeta amigo, Fernando R. Lavandeira, porque estas imaxes son unha excelente xustificación para lembrar o meu primeiro texto que deu en aparecer publicado nun libro, aínda que fose colectivo, pois o meu primeiro libro individual é o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior: 1992).
Anos antes, en 1985, fun merecedor do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, polo relato «Augas de silencio», que a xuízo de Basilio Losada, presidente do xurado, significaba «toda una revelación». Aquel xurado estivera composto ademais por Avelino Pousa Antelo, como secretario, Avelino Abuín de Tembra, Carmen García Rodríguez, Manuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado. Andando o tempo tiven trato con algunhas destas persoas e mesmo Carmen García Rodríguez foi unha das miñas docentes de Lingua Galega cando me reincorporei aos estudos para facer Filoloxía Galego-Portuguesa na USC.
Naquela convocatoria de 1985 resultaran accésits dúas persoas que hoxe considero amigas e un escritor xa desaparecido. O primeiro accésit fora para Ánxeles García Sumay (quen hoxe asina como Anxos Sumai) por «Relembranzas con Palmira e banana split»; o segundo foi para o finado Manuel Riveiro Loureiro por «Meirama» e o terceiro para Xosé Manuel Fernández Castro por «Segrel Charles o asombrador». Todos catro están publicados no volume colectivo Premios Pedrón de Ouro 1985 / 1986 (Sada: Edicións do Castro, 1987), con esa curiosa capa que semella a guía Vía Michelin.
O premio entregouse na noite do 28 de decembro do 1985 nun acto (ao que corresponden as fotografías) desenvolvido no Concello de Rianxo, entidade patrocinadora nesa edición, coa presenza de moitos persoeiros, entre os que estaban Pepita Blanco, a viúva de Modesto Rodríguez Figueiredo; do alcalde naquela altura, Xosé Bravo Frieiro; o secretario do patronato, Avelino Pousa Antelo, quen leu a acta do xurado e do mantedor, tamén membro do Patronato, Francisco Fernández del Riego, quen fixo unha semblanza dos escritores rianxeiros desde Paio Gomes Charinho até Rafael Dieste, salientando a Manuel Antonio, Castelao e Faustino Rey Romero.
Entre as anécdotas que podo contar daquela xornada están o feito de que despois do acto protocolario e antes da cea depositei unha ducia de caraveis vermellos no monumento a Castelao, onde fun entrevistado por un novo Manuel Rivas, que daquela estaba a traballar como xornalista cultural nos informativos da TVG. Tamén lembro o rebumbio de flashes que se produciu cando se cantou o Himno Galego e dei en erguer o puño pechado. Foi bonito as amizades que fixen aquela noite, como Anxos Sumai, que me presentaron coma unha rapaza de Catoira, mantiven unha relación epistolar (non era tempo de e-mail) moi enriquecedora falando de literatura. E outra anécdota foi que un xornal (teño o retallo mais non se pode precisar cal era) publicou a nova ao día seguinte con este sorprendente titular «Un parado de cinte anos recibeu o premio Modesto Rodríguez Figueiredo» e tamén publicaba un resumo do meu texto, que deberon tirar das miñas palabras, aínda que xa non o lembro con clareza, dicía: «Augas de silencio» é a historia dunha muller desempregada que, por non extioriorizar a rebelión contra a sociedade que a oprime, escolle como camiño máis nítido o suicidio nas caladas augas dun río emporcado.
De feito El Correo Gallego (28-12-1985) reproducía algo similar, cito textualmente: «Augas de silencio», basada na vida de unha muller que se encontra en paro e agobiada por unha sociedade que limita as súas ilusións e que reprime o máximo os seus sentementos. Levada por ista opresión, decide rematar a súa vida tirándose a un río, e perdéndose nas suas augas de silencio.
Según o seu autor, a obra, en algúns momentos toma carácter autobiográfico, pois él mesmo encóntrase no paro, con serias dificultades e pretende a traverso da literatura lanzar unha crítica contra ista sociedade opresora.
Notábase ben ás claras que eu daquela militaba no nacionalismo de esquerda, se non lembro mal aínda facía parte da Unión da Mocidade Galega (UMG) que abandonaría anos despois.
En calquera caso, certo é que as cen mil pesetas da dotación económica viñeron moi ben, non só para min senón para axudar na sempre axustada situación económica familiar. E fixen feliz a miña nai, demostrándolle que a literatura tamén podía ser unha axuda de subsistencia. Antes recibira outros pequenos premios por poemas e relatos, mais ningún da contía e da entidade do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, que determinou, sen dúbida, o meu camiño literario até hoxe.
Outro dos xornais da data salientaba que concorreran 29 obras e que eu era colaborador de revistas literarias de Corcubión e Muxía e que era membro do colectivo de poesía Un Medio. Así era, as revistas eran a fisterrá O Berrón, a corcubionesa Nerio e Decrúa, que fundara en Muxía o meu vello amigo Manuel Vilar. Van aló moitos anos. O transcorrer do tempo, sempre inexorable.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Memoria Literaria, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Memoria Literaria (I): En Rianxo, case vinte e cinco anos atrás…

  1. Pingback: As crebas » Avelino Pousa Antelo (1914-2012), in memoriam

Os comentarios están pechados.