Na manifestación Monte Pindo Parque Natural




(A primeira foto, na saída da marcha, é do dixital quepasanacosta, a segunda é da autoría de Juan Louro a terceira nas estreitas rúas d’O Pindo é do noso amigo corcubionés Alex. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
A mañá chuviñenta non axudou, mais aló estivemos para facer república a prol da declaración do Monte Pindo Parque Natural. Polo seu interese informativo e porque non ha ser nova importante para os medios de comunicación (?), reproduzo a anotación que realizaron os organizadores, a Asociación Monte Pindo Parque Natural.
«Máis de medio milleiro de persoas (segundo a estimación da Garda Civil) desafiaron hoxe unha choiva por veces torrencial, para pedir a Declaración do Parque Natural do Monte Pindo.
No medio de cantos como “MONTE PINDO, PARQUE NATURAL”, “QUEREMOS SALVAR O NOSO PEDREGAL”, “A XENTE DI QUE SI, A XUNTA DI QUE NON”, ou “MÁIS INVERSIÓNS, E MENOS INTENCIÓNS”, a manifestación convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural percorreu os 3 quilómetros que separan O Ézaro d’O Pindo nunha demostración do respaldo que suscita a proposta para dotar ao Olimpo Celta desa figura de protección e desenvolvemento sustentable da zona.
A marcha contou co apoio dos alcaldes de Carnota e Dumbría, e foi secundada por destacados persoeiros da vida cultural, empresarial e política, así como por un extenso listado de entidades sociais de todo tipo (que figuran ao pé desta nota). No remate, que coincidiu cunha esperanzadora saída do sol, deuse lectura ao seguinte manifesto:
O 7 de setembro do ano 2010, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presentan unha proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade, para a declaración do Monte Pindo parque natural.
Ao abeiro desta proposta un grupo de persoasconcienciadas con ese sentimento reúnense para crear unha asociación que apoie e defenda esa proposta. Así é como o 17 de outubro do 2010 nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo fin non é outro que apoiar a declaración do Monte Pindo como parque natural.
Pensamos os membros da asociación o que moitos galegos e galegas xa viñan dicindo fai tempo, que xa abonda, que o Monte Pindo non pode seguir abandonado á súa sorte, que todos xuntos temos que facer algo por recuperalo.
Por outra banda a Xunta de Galicia, o noso máximo organismo, aquel que ten que mirar polos galegos e todo o seu, tamén ten que mover ficha, non pode ficar de paparolo ollando como o noso patrimonio natural é destruído.
Nós coidamos que o parque natural é a figura axeitada para a protección integral do Monte Pindo.
Despois de máis dun longo ano de xa duro traballo e numerosas reunións e encontros a Xunta de Galicia di que tal como está agora xa está ben protexido.
Ula a protección?
O pedregal sofre devastadores incendios cada década, os vehículos a motor campan ás súas anchas por toda a serra, atinxindo dano á flora e á fauna e estragando os camiños tradicionais; o noso património arqueolóxico é atacado e saqueado, lembrémonos do ataque vandálico na inscrición de Penafiel.
Este non é desgraciadamente o único acto rexeitábel, pois por todas partes aparecen pintadas que destrúen a beleza natural do olimpo celta.
O 4 de febreiro do ano 2012, a comisión 7ª do Parlamento Galego vén de rexeitar unha proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar á Xunta a declarar o Monte Pindo parque natural. Unha vez máis a Xunta volve rexeitar o criterio de numerosos científicos, profesores universitarios, veciños e ducias de colectivos sociais e sectoriais.
O olimpo celta está clasificado como punto xeolóxico do estado español, polo seu abrupto relevo de rochas graníticas a rentes do mar.
Ten un total de oito especies de plantas protexidas polo catálogo galego de especies ameazadas.
Tres especies de fauna protexidas polo catálogo de especies ameazadas, e sete especies protexidas polo libro vermello de vertebrados de España.
O estado español valorou declarar o Monte Pindo parque natural no ano 1917, levamos 100 anos agardando que se faga realidade!,
100 anos de oportunidades perdidas!
Por que reclamamos o parque natural para o Monte Pindo?
Porque o parque natural pode desenvolver as medidas necesarias, vixiancia para a prevención de incendios forestais.
O Monte Pindo é un lugar cun alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentábeis, que non fagan minguar a calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais.
Que se cren partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respeito imprescindíbel para logralos obxectivos de conservación.
O parque natural pode promover a salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais e arqueolóxicos.
Porque a Xunta de Galicia está obrigada a velar pola conservación e restauración nos casos que se requira dos valores arqueolóxicos histórico artísticos e etnográficos, e en xeral por todas as manifestacións artísticas que existan nun parque natural.
No ano 2011 presentouse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruñaa tese de doutoramento, Xénese de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos, por Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo profesor Juan Ramón Vidal Romaní.
Sobre a importancia do macizo Pindo o relator da tese é claro: no referente á vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes.
Ser referentes no que atinxe á súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemite’s en California, Castle Rocks en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia.
Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume d’A Moa e as formas graníticas que se atopan ao longo do seu percorrido.
Por todo isto é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente desta zona.
Hoxe 14 de abril do ano 2012 reclamámoslle a Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que sen máis dilación declare o parque natural do Monte Pindo. E isto significa xa.
Reclamámoslle que non peche os ollos á petición dos galegos e das galegas hoxe aquí xuntados.
Non imos parar até ter os nosos obxectivos cumpridos.
Máis cedo que tarde o noso soño de ser parque natural vai ser realidade.
PARQUE NATURAL XA!
CONVOCA
Asociación Monte Pindo Parque Natural

APOIAN (por orde cronolóxica)
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM)
Galiza Nova
Bloque Nacionalista Galego
AC Canle (Lira)
Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa (Quilmas)
Plataforma pola defensa de Quilmas (Quilmas)
Plataforma pola defensa do Xallas (Costa da Morte)
Xurde Caldebarcos (Caldebarcos)
Comunidade de Montes de Caldebarcos
Galinus, Taller de Novos Medios
Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS)
Lonxanet
Club Montañeiros Celtas
Colectivo Urbano Lugrís
Confraría de Pescadores do Pindo
Proxecto Pindo Mariño
Confraría de Pescadores de Lira
Proxecto Mar de Lira
Cántigas da Terra
AC Cultura do País
Amigos da Terra
Asociación de Veciños Os Castros (Pontedeume)
Asociación de veciños Atocha, Monte Alto e Torre de Hércules (A Coruña)
ARCD Palavea Bravú (A Coruña)
FRUGA (Federación Rural Galega)
Luar na Lubre
AEC Verbo Xido (Terra de Montes)
Real Academia Galega
Amorim + Doporto Arquitectos
Comités
CostaMeiga.com
ACDR O Patín (Carnota)
Ecogalego.org
Asociación Neria
Asociación Galega de Horticultura Urbana
Banco de Tempo Fervello
Amigos dos Museos de Galicia
ASOAR-ARMEGA
Associaçom Galega da Língua
Asociación ecoloxista Naturviva
Asociación Veciñal do Saviñao (Lugo)
Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA)
Colectivo Nacionalista de Marín
Encontro Irmandiño
Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro (Bueu)
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Zocamiñoca
Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)
Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal
Clube Espeleolóxico Máuxo (CEM)
Verdegaia
Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro
Asociación Motivos d’Aldea (Bueu)
A Ría non se vende
A Central Folque
Asociación Galega de Apicultura (AGA)
Club de Montaña e Escalada Azimut
Finisterrae
Galiza non se vende
Permacultura Eiras do Minho
Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES
Salvemos Monteferro
Asociación de Empresarios Costa da Morte
Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT)
Asociación Socio-Cultural O Iríbio (Triacastela)
Árbore Consumo Consciente
Federación Ecoloxista Galega (FEG)
Foro Social de Cangas
Sociedade Galega de Ornitoloxía
Partido da Terra
Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM)
Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES)
Fundación Sen Esquencer
Fundación Gonzalo López Abente (Muxía)
Confederación Intersindical Galega (CIG)
Asociación Ambiental Senda Nova
Asociación Cultural Monte da Estrela (Arteixo)
Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia
Asociación Cultural Mar de Muros
Charanga Tabernícolas do Leiradal
Parque Natural de Barbate

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Manifestos, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Na manifestación Monte Pindo Parque Natural

  1. Pingback: As crebas » Na manifestación Monte Pindo Parque Natural (II)

Os comentarios están pechados.