Cadernos de Mariñán, 4. VI Encontro de Escritores Galegos. Literatura e proxección exterior


Onte chegoume o volume Cadernos de Mariñán, 4, cuxa edición literaria está ao coidado dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Luciano Rodríguez. A publicación recolle a conferencia inaugural e as catro comunicacións que vertebraron o VI Encontro de Escritores Galegos que tivo como tema Literatura e proxección exterior. Amais dos cinco textos centrais, acolle un caderno de creación e outro de crítica das persoas convidadas á devandita edición, que coordinaban ambos e dous editores literarios. Boa proba da lentitude institucional é que o VI Encontro de Escritores tivo lugar no Pazo de Mariñán os días20, 21 e 22 de novembro do 2008 e o depósito legal da publicación que edita a Imprenta Provincial da Deputación da Coruña é do 2012.
A conferencia inaugural pronunciouna o poeta e profesor Arcadio López-Casanova quen falou «Sobre a recepción da literatura galega», unha ducia de páxinas que analizan a proxección ou recepción da nosa literatura moderna nos eidos culturais do castelán, desde o Rexurdimento até os recentes anos oitenta.
A seguir veñen as catro comunicacións: «Proxección exterior da narrativa galega» de Ramón Nicolás, «Galicia e Cataluña. Un diálogo truncado» de Rexina R. Vega, «Teatro e desespero» de Manuel Lourenzo e «A difusión exterior do teatro galego» de Roberto Pascual. Salienta sobre maneira a ausencia de comunicacións específicas sobre o feito poético.
Ramón Nicolás fai un percorrido (con profusión de datos) sobre as dúas esferas de proxección exterior da nosa narrativa, a institucional e a que fornecen as empresas editoriais privadas, alertando sobre a debilidade e, en definitiva, sobre o moito que aínda cómpre facer neste eido.
Rexina R. Vega céntrase nos camiños de ida e volta entre as literaturas galega e catalá, dende a obra de Álvaro Cunqueiro até as novas voces, nomeadamente narrativas e da literatura infanto-xuvenil. Tampouco esquece mencionar a ampla rede de intermediarios culturais que a literatura galega posúe na actualidade en Catalunya.
Manuel Lourenzo fai unha excelente reflexión sobre a sempiterna crise do teatro, que no caso do teatro galego aínda se acrecenta con problemas de seu. Porén, a conclusión do dramaturgo non é pesimista xa que na cerna da súa exposición está o feito de que “o teatro, desde as súas orixes até hoxe, nunca foi eliminado nin substituído”.
De por parte, Roberto Pascual fai un repaso das “importantes investigacións acdémicas centradas na análise dos diferentes axentes teatrais que operan no sistema teatral galego”, mais tamén abeira outros aspectos como o nacemento da ESAD de Galicia ou a función dos organismos institucionais AGADIC ou CDG na difusión do teatro de nós. Porén, a conclusión leva a Pascual a falar dunha certa invisibilidade exterior, malia a alentadora difusión que se acadou a partir da tradución ou ao papel canonizador dos premios, nomeadamente os Max a varios autores ou o Nacional de Literatura Dramática a Veladas indecentes de Manuel Lourenzo no 1997 e a Limpeza de sangue de Rubén Ruibal no 2007.
No «Caderno de creación» publícanse, no apartado de Poesía, «Abu Ghraib e outros campos semánticos» e «Verso libre», de Eva Veiga; «Kuntur Wasi» de Anxo Angueira; «Poemas do libro Variacións Nube» de Cesáreo Sánchez Iglesias e «Tres Haikus» da miña autoría; na sección de Teatro aparecen os monólogos «A lúa» e «Erik cachuzo e as pantasmas da proxección internacional» de Rubén Ruibal e a peza «Rodaxe» de Manuel Lourenzo, e na de Narrativa o relato «A néboa da vinganza» de Agustín Fernández Paz.
E, finalmente, no «Caderno de crítica» ven a luz «Galicia fóra» de Vicente Araguas, que fala da presenza galega nas revistas literarias foráneas ou nos suplementos dos xornais; «La poesía italiana in Spagna» de Emilio Coco, que en italiano reflexiona sobre as traducións ao español dos poetas italianos, con escasa referencias ás versións ao galego; a recensión a «Estúrdiga materia de Luís González Tosar», de quen isto asina (e que perante a demora desta publicación viu a luz antes en Grial, 179); «Na capital do corpo» de Fidel Vidal, sobre a presenza do corpo como centro da creación literaria; «Who is afraid of George Steiner? Creación dramática e proxección exterior en Galicia» de Manuel F. Vieites, quen conclúe que non se pode gañar o comercio exterior sen antes gañarmos o interior para o noso teatro, e por último «No inicio do mar» de Teresa Bermúdez, que repasa as últimas achegas exteriores á nosa literatura, para rematar coa referencia á antoloxía From the Beginning of the Sea: Anthology of Contemporary Short Stories (2008), ao coidado de John Rutherford e Xelís de Toro.
No tocante ás miñas colaboracións, nesta bitácora xa reproducimos a recensión a «Estúrdiga materia de Luís González Tosar», publicada en Grial e recuperada no repositorio poesiagalega.org.
Deseguida reproduzo os «Tres Haikus», que abren o meu libro aínda inédito Breizh:
1
AR-MOR

País do mar,
nos costados da vida
baten rutías.
2
GWENWED / VANNES

Nos labirintos
que agochan as murallas
doces conversas.
3
SAINT-GOUSTAN

As vellas fiestras
queren baixar á rúa,
cruzar a ponte.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Estudos literarios, Narrativa, Poesía, Recensións, Teatro. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Cadernos de Mariñán, 4. VI Encontro de Escritores Galegos. Literatura e proxección exterior

  1. Pingback: Proxección exterior da narrativa galega (I) [Textos] | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.