Poemas (XXXV): «A poesía é verdade», de Celso Emilio Ferreiro


O PEN Clube de Galicia organizou para esta tarde un acto de conmemoración do Día Mundial da Poesía no que non poderes estar por circunstancias familiares. Porén participei na elaboración do programa e na escolla do poema «A poesía é verdade» de Celso Emilio Ferreiro que acompaña o díptico e que reproducimos ao remate desta anotación.
O acto vai decorrer no Centro Cultural da Deputación de Ourense, hoxe 21 de marzo ás 19:00 h., na tradicional celebración do Día Mundial da Poesía que organiza o Pen Clube de Galicia. Alén da presenza política oficial, do Conselleiro de Cultura e Educación e do Presidente da Deputación de Ourense, ambos da ourensanía, intervirán Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, e Luís González Tosar, o presidente do Centro PEN Galicia, quen fará lectura da Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova. A seguir a lectura de poemas de Alba Cid e Celia Parra e a actuación musical de Miriam Figueiras e Marco Foxo poñerán o ramo a esta xornada.
A POESÍA É VERDADE
Un procura a verdade
por tódolos camiños, baixo as pedras,
nas raigames escuras das olladas,
máis alá das escumas i os solpores.
Busco a verdade en tí, rexa poesía
dos homes que labouran,
tacto real das cousas
que están e son, anque ninguén as vexa.
Home total,
que vas e vés sin sombra polas rúas
e tes a túa verdade nos curutos
do mundo, no profundo da historia,
na esperiencia de un día calisquera,
e non ves os paxaros nin as nubes
nin as lonxíncoas maus do vento dondo
que acariñan o mundo dende sempre.
Investiga a verdade do teu tempo
i alcontrarás a túa poesía.
Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962.

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Poemas (XXXV): «A poesía é verdade», de Celso Emilio Ferreiro

  1. VIAJERAZUL di:

    acabo de lembrar un poema ateigado de beleza, de imaxes suxerentes de Celso Emilio, non sei se o título é “lévame Moraima”, pois hai unha versión cantada por Ana Belén, en galego, si, é moi fermosa, non sei se a a coñeces.
    cambiando de tema, onte fun en Madrid, co gallo do día internacional da poesía, a unha presentación dunha antoloxía moi interesante, de poesía da península e hispanoaméricana sobre pintura, do século XX. Está xenial, recoméndocha. titúlase “Las dos hermanas”.

    • Coñezo, coñezo. “Moraima” (Título do poema orixinal “Xaneiro 1972, II”) é un dos poemas que incluíu CEF no libro Onde se chama Celanova. Recoméndoche a Poesía Galega Completa, en edición de Ramón Nicolás (Xerais). CEF é, xunto a Rosalía, o poeta galego máis musicado e ese poema xa o foi antes, primeiro por SUSO VAAMONDE e logo nestas versións:
      “Moraima”. MARÍA MANUELA, Barco na Alba. Sons Galiza, Lugo, 1990. Musicado por Suso Vaamonde.
      “Moraima”. MARÍA DO CEO, No bico un cantar. Miranda Producciones, 2008.
      Non coñezo a antoloxía “Las dos hermanas”, haberá que lle botar unha ollada.

Os comentarios están pechados.