Sete poetas da comarca participan nunha antoloxía sobre a cidade


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia (en papel, pois o contido na rede está restrinxido a subscritores) publicou antonte 28 de febreiro unha anotación sen asinar sobre a antoloxía A cidade na poesía galega do século XXI (edición de Gonzalo Vázquez) da que xa falamos nesta bitácora hai uns días. Reproduzo o artigo do xornal:
Sete poetas da comarca participan nunha antoloxía sobre a cidade
CARBALLO/LA VOZ
Sesenta e un textos de outros tantos escritores galegos dan forma á antoloxía poética que lle acaba de dedicar ás urbes a editorial Toxosoutos e que conta cunha ampla representación do mundo das letras da Costa da Morte.
Entre os colaboradores deste volume, titulado A cidade na poesía galega do século XXI e encadrado na colección Esmorga, figuran o escritor ceense Miro Villar, con pezas coma Este Corpo cidade de harmonía, Pont-Aven (1886/1894) ou Kemper, ademais de María Lado, nacida tamén nesa vila; Alicia Baña e Rafael Lema, ambos de A Ponte do Porto; Alberto Lema de Vimianzo; Paco Souto, de Malpica e o fisterrán Modesto Fraga.
Todos eles teñen aportado a súa particular visión da cidade a esta compilación editada por Gonzalo Vázquez na qua trata de achegar desde o prisma galego unha nova visión a unha tradición poética na que os espazos urbanos se converten nun elemento central dos versos tanto polo seu papel como elemento alienante e destrutor da vida natural como pola súa capacidade civilizadora.
O volume está xa á venda nas librarías e na propia web da editorial (http://www.toxosoutos.com/index.php?&cok=sn&len=2).

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.