No 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (II)


E como xa se contou nesta bitácora, a miña segunda colaboración coa Fundación Rosalía de Castro aconteceu en 2008, cando publiquei artigo «Rosalía de Castro na obra de Antón Zapata García» no número 3 da Revista de Estudos Rosalianos (pp. 173-197), que se pode ler no repositorio poesiagalega.org. No texto realizo unha análise da presenza de Rosalía na súa obra, despois dunha breve nota biográfica do poeta de Laxe, utilizando datos extraídos da miña tese de doutoramento de 1600 páxinas, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero.
O estudo céntrase en dous poemas aparecidos en revistas da emigración bonaerense: “A Rosalía de Castro” en Suevia (1913) e “Rosalía de Castro” en Compostela (1941-1944) e Galicia (1952) [versión incluída no libro A Roseira da Soidade (1954), cuxa edición facsimilar editaron Xerais e o Concello de Laxe]. Alén diso anoto a pegada rosaliá noutros fragmentos de poemas e nos diferentes actos públicos do poeta na colectividade galega, así como na prosa en castelán e no epistolario co fotógrafo José Vidal García en 1935 ou Xosé Filgueira Valverde en 1936. Finalmente, un anexo compila os poemas onde aparece Rosalía, que reproduzo deseguida:
ANEXO: POEMAS CON PRESENZA DE ROSALÍA DE CASTRO
A CAMPANA DA SOIDADE
I
CAMPANA da Berenguela
que, con grave badalar,
dende a Santa Compostela,
espallastes fonda arela
sobre o mar
dos nosos celtas abós,
chamándonos,
falándonos,
agarimándonos
cô teu fraterno falar:
¡Pra decirnos que, nestora,
xa nacéu a redenzora
libertá do Noso Lar!…
II
Vencellados na armoñía
da santidá do teu canto
de fondosos repeniques,
chora Xelmírez o Santo,
chora a saudal Rosalía,
choran Pondal e Murguía…
¡E chora Curros Enríquez!…
Chora o ceu,
choras tí,
choro eu…
¡todos choramos eiquí
cando ouzamos túa vos,
chamándonos,
falándonos,
agarimándonos!…
III
O teu badalar, campana
do reló da Berenguela,
vertendo doce tenrura
—sinxela,
pura,
galana—,
véu a traguerlle â soidade,
n-esta terra americana,
a manciña da irmandade
¡tan lonxana!
das rúas de Compostela.
IV
¡Cómo choramos, campán,
ao sentil-a tua vos,
chamándonos,
falándonos,
agarimándonos,
a través do mar Atrán
e da soidade do Alem,
que, na América, tamén
nos sostén
sen ir a pique!:
¡Qué por sempre repenique
a redenzón de outro ben!:
¡Pra que retornemos nós!,
chamándonos,
falándonos,
agarimándonos…
¡AMÉN!…
ROSALÍA CASTRO
TIÑA unha sorrisa triste, triste de toda tristeza,
e un ollar adelorido, profundo, limpo e sinxelo;
nas tempas, i-encol da fronte a súa nobre cabeza,
un negro marco tecían as crenchas do seu cabelo.
A súa vos era tenra, tenra de toda tenreza
—quen ll-â escoitara, me dixo qu-era vos de terzopelo:
coma os sospiros das fontes, que teñen maor beleza
canto máis riman, söaves, amores, mágoa e desvelo…
Seu corazón era unha ánfora chea de doce ambrosía
que nas veneiras dos versos da máis outa poesía
riquecéu a Nosa Fala e cantóu a Nosa Dôr;
I-é câl unha nai pra cantos pol-o mar abaixo vîmos
pois si, orfos, no desterro, coa soidade máis sofrimos,
Ela arrula —¡Branca Pomba!— nosa i-alma con amor!…
LOITO, FEDOR E MEDO
As rúas de Sant-Iago están fatales
e xa non arrecenden lanzalía:
¡Un bafo de traición e mourería
espállase nos porches e portales!
Cheirumes de faroles e ciriales
—¡a lus da Libertade, santa e pía,
non hai quén a procrame!: ¡naide chía!—,
agoiran novos clans sacramentales…
D-aqueles estudantes, risa e groria
—da xuventú galega executoria—,
nada máis que silenzo soio resta…
E fuxindo na noite máis sombría,
Pondal, Curros Enríquez, Rosalía…,
van dicindo: — ¡Sant-Iago!… ¡¡cómo apesta!!…
A ROSALÍA DE CASTRO
Non coa lira servil e aduladora
que a manates e reis o son levanta,
mais con gaita amorosa é que che canta
o poeta sinxelo que te chora.
Subrime reisiñor, xenial cantora
que o teu nome no Pindo se axiganta
cuberto de loureiro e groria tanta
como tên Deus Apol e a virxen Frora.
Non poido a negra Morte, coa fouzaña,
segar, câl túa vida, os teus “Cantares”
e as “Orelas do Sar”, xoiel d’Hespaña.
¡Vives, dempóis de morta, na memórea
dos que sinten na terra crués pesares,
e da nobre Galiza na outa Histórea!…
GALICEIBE
(fragmento)
I
A deusa redenzora de Galiza
­—a boa e xenerosa Galiceibe—,
dempóis de cinco séculos escrava,
rogóulle ás mocedades a liberten.
Seu rogo car‑á Celtia dirixindo
—vagullada a facián e tremecéndose—,
no lenguaxe da Santa Rosalía,
eisí dixo, arrastrando o vil grillete:
¡O fin!, ¡ó fin, ei d‑irme, ¡Terra Enxoita!;
¡terra de lobicáns e viles reises,
que usurpástedes os dreitos de Galiza,
usureiros, traidores, incrementes!…
(ANTÓN ZAPATA GARCÍA)

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “No 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (II)

  1. Pingback: As crebas » «Rosalía», un soneto de Gonzalo López Abente

Os comentarios están pechados.