Rebelión na charca, xa está a chegar ás librarías


Hoxe, 2 de febreiro, é o día da Candeloria, o día no que casan os paxariños segundo a nosa tradición popular, xa que este día sinalaría a metade do inverno. Hai varias cantigas populares sobre o tema, con variantes. Velaquí unha delas:
Pola Candeloria mitá do inverno vai fora.
Se a Candeloria chora vai o inverno fora;
se rí, o inverno quer vir;
mais cal chorar, cal rir,
medio inverno está por vir
(Rodríguez González, 1958: v. «Candeloria »)
Na tradición anglosaxona é o día da Marmota (Groundhog Day), que ten un significado semellante, pois se o animal saír da tobeira por estar nublado, iso significa que o inverno terminará cedo. Se, ao contrario, o sol estivera a brillar e o animal se asustase coa súa sombra e voltase para a tobeira, daquela o inverno duraría alomenos seis semanas máis.
Este día da Candeloria ou día da Marmota trouxo a boa nova da publicación do conto infantil rimado que intitulei Rebelión na Charca e que lle enviei a Sotelo Blanco Edicións no verán do 2007. Por fin xa saíu do prelo e principia a chegar ás nosas librarías. Fai o número 13 da colección Bolboreta e as ilustracións son da autoría de Ana Santiso (pódese ollar un adianto, sen o texto rimado, na bitácora da ilustradora).
En síntese, a historia sucede nunha charca na fin da terra onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar coma trasnos rebuldeiros. Porén, o sapo corredor ou corriqueiro, o máis fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o máis vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder e, por suposto, procura ensinanza e ten final feliz.
Aquí vai o seu inicio:
REBELIÓN NA CHARCA
Era unha vez un grupo de ras, sapos
e píntegas que estaban nunha charca,
día a día xogando cos seus papos,
desde o outono, cando a auga encharca
ata o verán, que secan ben os trapos.
Os anfibios, tal trasnos rebuldeiros,
xogaban e xogaban con moita orde
e con respecto polos compañeiros.
Nunca houbera a mínima desorde,
só querían xogar, non ser primeiros. (…)

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.