Recensión a Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), do profesor Xesús Alonso Montero



(Fotografía de Marcos Míguez, La Voz de Galicia)
A revista Festa da Palabra. Publicación Galega Feminista, que edita a FIGA, baixo a dirección da escritora María Xosé Queizán, vén de publicar o seu número 27 intitulado “As Nobel científicas”, cun amplo abano de artigos sobre ciencia e literatura cuxo índice pódese ler nesta ligazón.
Este número tamén inclúe nas páxinas 157-159 esta recensión da miña autoría:
Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)
Xesús Alonso Montero
Vigo: Xerais, col. Crónica . 2009 (1ª ed.), 2010 (2ª ed. corrixida e aumentada) / 560 páxinas

Na nosa literatura non adoita suceder que chegue á segunda edición un libro de ensaio, mais produciuse co volume Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) da autoría do profesor Xesús Alonso Montero. Non hai aínda estudos que fagan unha análise da recepción para entendermos o suceso dunha publicación, desta volta se callar terá a ver coa temática, pois nos últimos anos sobrancearon moitos libros referidos á Memoria Histórica (ou á Memoria Republicana como gusta de dicir sempre Alonso Montero para quen o primeiro termo ten moito de inapropiado e así o reitera máis unha vez nas páxinas da súa introdución). Ou talvez haxa algo de culpa do éxito nos premios xa que o volume, publicado por Xerais na súa colección “Crónica”, recibiu en 2009 o “Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción” da Asociación Galega de Editores (AGE) e en 2010 o “Premio de Ensaio” da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG). Stricto sensu a obra non é un ensaio senón un epistolario anotado, e stricto sensu tampouco todos os documentos son cartas mais son textos escritos cara a uns destinatarios, de maneira persoal ou xeral.
Deste xeito, a 1ª edición xunta 120 textos (41 inéditos até o momento) que foron escritos por 57 persoas diferentes, condenadas a morte polas autoridades franquistas, e datados nos días ou incluso nas horas previas ao seu fusilamento, malia que nalgún caso o acusado non chegaría a ser executado ao chegarlle pouco antes a conmutación da pena capital. Na 2ª edición xúntanse 6 novas cartas (4 inéditas e 2 publicadas na mesma altura que saía este volume) escritas por outros 5 fusilados. Alén das cartas propiamente ditas, hai 9 testamentos ou derradeiras vontades (de Enrique Heraclio Botana, Xohán Xesús González, Agustín Pérez Rodríguez, Darío Álvarez Limeses, Rafael de Vega Barrera, dous de Manuel González Fresco, Cándido Sánchez Rodríguez e Eladio Rodríguez) e outra serie de textos con carácter testamentario como as 8 notas escritas ao pé ou ao reverso dunha fotografía ou dun retrato (velaí dous de Antonio Mojón Vázquez e cadanseu de Darío Álvarez Limeses, Modesto Pasín Noya, Manuel Fernández Sendón, Manuel Estévez Gómez, cuxo retrato no cárcere de Tui é a portada do libro, Manuel del Río Pampín e Andrés Nogareda). Alén diso tamén se compilan o texto dunha lápida deseñada por Alexandre Bóveda; dous testemuños orais “fiables” de palabras pronunciadas no fusilamento (por Enrique Heraclio Botana e Víctor Fraiz Villanueva); dúas cartas aos denunciantes, que son tremendas na súa redacción (de Arturo Briones Varela ao secretario do Concello de Frades e a outro veciño polos seus testemuños inculpatorios); outra inculpatoria ao crego confesor; unha con recoñecemento ao avogado defensor Manuel Casás Fernández, que había ser presidente da RAG; un diario; uns recordos da última hora; as impresións dun condenado a morte; a dedicatoria dun libro; unha acta de acusación ou un texto dramático na súa intensidade que foi escrito por César Rozas Bermúdez antes de se suicidar perante o acoso dos franquistas.
Ás veces o editor adxunta un texto complementario, útil para entendermos ou situarmos mellor a carta do condenado. Os documentos ofrécense por orde cronolóxica, precedidos dunha microficha que sinala lugar e data de nacemento do asinante; lugar e data da súa execución; profesión ou actividade laboral; partido político ou ideas políticas do fusilado. Os autores das cartas son todos homes, agás unha epístola de Josefa García Segret dirixida ao doutor Darío Álvarez Blázquez. Ambos os dous protagonizaron unha historia ben curiosa e digna de lembrar. Esta muller, condenada a morte en Tui, simulou estar preñada e coa axuda do doutor conseguiu a conmutación da pena, despois para que non se descubrise o engano e non culpasen ao doutor aínda argallou un aborto, xuntando panos e a súa mestruación e a doutra compañeira presa, sendo novamente o doutor Álvarez Blázquez quen certificou a morte do feto.
No tocante aos destinatarios a inmensa maioría son persoas do ámbito familiar, pois case medio cento van dirixidas á muller e aos fillos (Ramón Fernández Rico aos nove que tiña) ou a ambos a un tempo, seguidos dos pais en conxunto, da nai, dos irmáns ou as irmás, mais tamén de tías e tíos, curmáns e incluso os sogros, ou a de José Domínguez González á súa noiva Angelina Estévez. Malia seren moitas as que testemuñan o afecto, salientan as confesións de amor desta última e da primeira do volume, que dirixe ogobernador civil coruñés Francisco Pérez Carballo á súa muller Juana Capdevielle, que estaba preñada e cuxo corpo apareceu días despois nunha gabia de Rábade, asasinada pola Garda Civil, e cuxa traxectoria vén de ser novelada recentemente por Vicente Piñeiro González en Asasinos, asasinos, asasinos! (Toxosoutos). É evidente que todas estas cartas son as que achegan maior dose de emotividade e mesmo en varios casos ofrecen detalles precisos sobre como debe ser o soterramento, case sempre para desbotaren calquera cerimonia católica e para se afianzaren no seu ateísmo ou laicismo.
Tamén sobrancean aqueloutras que van dirixidas a amigos íntimos e aos compañeiros ou camaradas na loita política. No primeiro grupo é de salientar a que dirixe o deputado republicano corcubionés Pepe Miñones ao seu amigo Argimiro Guillén, de Cee, para que interceda na súa exculpación e na que aparecen os nomes dos seus inimigos políticos da burguesía ceense. No segundo grupo, que Alonso Montero sinala que están escritas para a Historia dunha maneira consciente, están a que Tomás López de la Torre dirixe a tres camaradas socialistas (Beade, Quintanilla e Santamaría); do galeguista Víctor Casas Rey a Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista; de Ramón Fernández Rico aos seus “correlixionarios” da Unión Republicana; de Francisco Barreiro Barciela e outros ao Comité Central do PCE; de Segundo Vilaboy Fernández aos camaradas do Partido Comunista e de José Gómez Gayoso a un camarada cubano e de Antonio Seoane Sánchez e José Gómez Gayoso aos camaradas guerrilleiros da denominada “IV Agrupación Pasionaria”. Tanto a do galeguista Víctor Casas, que chama a unha viraxe esquerdista do seu partido, coma as dos militantes comunistas inclúen moitos parágrafos que inciden na reorganización da loita política contra o franquismo e as segundas falan moito do Partido (con maiúscula, que non é outro que o PCE). A importancia dos comunistas é obvia, pois a partir de 1942 todos os autores das cartas son militantes do Partido, agás unha que escribe José Antonio Fernández Vega, primeiro socialista e logo de Izquierda Republicana, que era gobernador civil de Málaga. Non era galego, senón asturiano, mais foi médico en Ponteareas durante moitos anos, de aí a súa inclusión neste volume.
Hai aínda outras dúas consideracións importantes sobre estes documentos. A primeira cuestión é o idioma, sexa cal sexa o nivel literario todos están escritos en castelán, mesmo as cartas dos galeguistas, agás todas tres que escribe Bóveda e unha das que escribe Víctor Casas, dirixida a Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista, mentres que as familiares tamén as escribe en castelán. De todas as demais o profesor Alonso Montero explica na introdución a razón desta escolla lingüística e salienta os numerosos galeguismos que aparecen no castelán, nomeadamente no máis vulgar das persoas menos alfabetizadas. E a segunda cuestión ten a ver coa relixión, que enfronta aos que profesan a fe católica e mesmo perdoan aos seus verdugos e aqueloutros que reafirman o seu ateísmo militante mesmo ás portas da morte e reaxen iradamente contra os cregos que os visitan nas últimas horas mentres están “en capela”.
Compiladas durante décadas de investigación polo profesor Xesús Alonso Montero e dedicadas ao Castelao “que, nun ano tráxico, o de 1937, debuxou o terror e a dignidade de Galicia en dous álbumes inmortais: Galicia mártir e Atila en Galicia”, as 560 páxinas destas Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) representan un documento histórico de primeira orde e enchen un baleiro na nosa historiografía. De feito, o propio autor sinala a tradición europea de publicar estes epistolarios, con libros fundamentais na Francia que sufriu o nazismo ou na Italia que padeceu o fascismo. Alonso Montero fai especial fincapé na que denomina “admirable colectánea” Lettere di condanati a morte della Resistenza europea (1954, 1ª ed.) volume prologado por Thomas Mann e editado por Einaudi.
A Memoria Republicana, como adoita dicir o profesor, está de noraboa con esta publicación que rende tributo á familia dun amplo espectro político conformado por anarquistas, comunistas, galeguistas, socialistas e republicanos de esquerda que foron condenados a morte por defenderen a legalidade democrática da II República, moitos deles convencidos da súa inocencia: “Eles, que nada fixeran a partir do 20 de xullo de 1936 ou que se limitaran a defender incruentamente o goberno legal non comprenden por qué os condenan. Ignoraban, na súa boa fe, que os alados acababan de imponer una legalidade encamiñada a considerar delicto, ademais de certas acción, o pensamento… Só así podemos entender o asombro ou desconcerto dos autores dalgunhas das presentes cartas”.
E concordamos co editor na súa reivindicación de que algúns destes documentos figuren en exposición pública nalgún museo, como sucede noutros países de Europa, para aprendermos que a historia da pena de morte, da represión e da tortura (descrita dolorosamente nalgunhas destas cartas) nunca debería repetirse. Nunca máis.
MIRO VILLAR

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Epistolarios, Estudos literarios, Historia, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Recensión a Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), do profesor Xesús Alonso Montero

  1. Pingback: A memoria republicana: «Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)». Crítica de Miro Villar en A Festa da palabra silenciada | Xerais

Os comentarios están pechados.