Xurxo Martiño, nova exposición en Vimianzo


Un dos nosos pintores amigos, o soneirán Xurxo Martiño (Caxadas, 1964), inaugura o vindeiro sábado, día 21 de xaneiro, unha nova exposición pictórica na Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura do concello de Vimianzo, que se pechará o 31 de marzo. A devandita sala, inaugurada o pasado 9 de setembro, leva o nome doutro artista soneirán, Antón Mouzo (1957-2007), como homenaxe polo súa temperá desaparición. E de feito abriu as súas portas cunha exposición con obra da súa autoría.
Fun convidado por Xurxo Martiño a ler uns versos nesa inauguración mais outras obrigas non me permiten estar no acto xa que nesa xornada teño que ir até A Rigueira (A Pastoriza), ou A Regueira na toponimia oficial, na Terra Cha. Por certo un concello gobernado por un lexicógrafo, o socialista Primitivo Iglesias Sierra, coautor de varios dos Dicionarios de Xerais.
Con todo, o amigo pintor Xurxo Martiño, que puxo a portada do meu primeiro libro, vai pendurar un haiku do meu libro aínda inédito Breizh. Agradézolle, pois, o convite ao tempo que lle desexo moito suceso con esta exposición no seu chan nativo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.