No centenario de Celso Emilio Ferreiro


Conmemórase hoxe, 4 de xaneiro do 2012, o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. A súa obra sempre foi do meu interese, tanto é así que ocupou varios traballos literarios da miña autoría.
A primeira achega veu cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Daquela estaba a compilar información nas bibliotecas e hemerotecas para as fichas do volume II. Publicacións periódicas, e batín na hemeroteca do Museo de Pontevedra cun poema non compilado na súa obra completa. Publiquei ese texto e un comentario crítico no Boletín Galego de Literatura 17, 1997, baixo o epígrafe «Rogo a Yavé, un poema en galego non recompilado de Celso Emilio Ferreiro», que leva este resumo previo: «O artigo iníciase cun achegamento á situación da literatura en lingua galega durante a época da posguerra. Baséase nas declaracións de autores como Alonso Montero ou Xosé Luís Méndez Ferrín e comenta as causas polas que, probablemente, Celso Emilio Ferreiro non publicou nada en galego neste período. A continuación, céntrase na análise dun poema titulado «Rogo a Yavé» que reproduce ó principio do artigo. Despois dun detallado estudo temático e formal da citada composición, conclúe afirmando que, debido ás súas semellanzas con traballos posteriores, debeu pertencer ao grupo de poemas que Celso Emilio compuxo durante os anos da posguerra e que, máis tarde, publicaría nos poemarios O soño sulagado (1954) e Longa noite de pedra (1962)».
Deseguida publiquei a guía Unha lectura de O soño sulagado [Vigo: Xerais, 1998. ISBN 84-8302-226-5], de cuxo malfado xa teño falado abondo nesta bitácora, xa que incluso non aparece en ningún dos diferentes catálogos de Xerais, a editora que me encomendara aquel estudo literario en profundidade.
A terceira aproximación veu novamente no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia. Participei dos tres primeiros volumes (Autores; Publicacións periódicas e Obras) e no terceiro, cuxa primeira edición é de maio do 2000, ocupeime das fichas dos seus tres libros de poemas fundamentais: O soño sulagado; Longa noite de pedra e Onde o mundo se chama Celanova, aínda que no Dicionario as entradas non van asinadas polos redactores.
A cuarta achega foi o relatorio “A intertextualidade en O soño sulagado” presentado nas Xornadas sobre Celso Emilio Ferreiro celebradas en Vigo do 28 ao 30 de outubro de 2004 e organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. No devandito relatorio recollido nas actas do congreso limiteime a resumir e reproducir unha parte da miña guía de lectura sobre ese libro.
E a quinta e última achega foi unha breve monografía escrita a pedimento da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), que nunca se publicou en papel (alomenos que eu saiba) e que se pode ler na propia páxina da entidade nesta ligazón, en galego, español, alemán, francés, inglés e italiano. Neste traballo tamén fixen uso do material que xa tiña elaborado con anterioridade.
Son pois cinco contribucións ao estudo da obra poética de Celso Emilio Ferreiro, autor sobre o que teñen escrito moito e ben nomes importantes da nosa literatura e de quen temos un excepcional especialista, o crítico e profesor Ramón Nicolás, compilador da súa obra completa e de quen se anuncia xa unha monumental biografía que agardamos con voraz apetito lector, sabedores da súa rigorosidade. No entanto tamén podemos asomar ás numerosas notas que sobre o poeta de Celanova está publicar Moncho Nicolás na súa bitácora cadernodacrítica.

Esta entrada foi publicada en Congresos, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a No centenario de Celso Emilio Ferreiro

  1. Pingback: As crebas » celsoemilioferreiro.org, a páxina do centenario

  2. Pingback: As crebas » Presentación do monográfico «Celso Emilio fai 100 anos»

Os comentarios están pechados.