«Alento e desalento / o meu País»



«É unha folla no vento, alento e desalento / o meu País», así din os versos de Xoán-Manuel Casado popularizados naquela magnífica canción «O meu País» do meu tocaio Miro Casabella, que reproduzo na voz do propio Miro e nunha das versións que realizou o grupo Luar na Lubre, non a que incluíron no seu álbum Hai un paraíso (2004), senón outra posterior interpretada ao vivo en Santiago de Compostela.
Así é, «alento e desalento / o meu País». Nos últimos tempos se callar máis desalentos do que alentos, mais ese semella ser o noso sino. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo temos noticias de alento e de desalento.
ALENTO
A iniciativa sermosgaliza da que xa falamos nesta bitácora vén de anunciar que rematou con éxito o seu proxecto de capitalización inicial para botar a andar un novo medio de comunicación na nosa lingua. Os nosos parabéns e o noso compromiso de suscrición, como o fomos do semanario A Nosa Terra até a súa desaparición, durante case dúas décadas, malia ás veces non compartirmos algún dos seus vicios sectarios.
E DESALENTO
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dan a coñecer na súa páxina a desaparición de 15 Servizos de Normalización. A mala nova principia así:
«A eliminación das axudas por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a irresponsábel tardanza da nova e minguada convocatoria por parte da Deputación da Coruña e da Xunta favorecen o despedimento de 15 técnicos/as de normalización lingüística e o peche doutros tantos servizos.
Cumpriuse a peor das previsións, e o ano remata co peche de 15 servizos de normalización lingüística (SNL) de concellos galegos.
Lonxe de cumprir a súa obriga de impulsar os SNL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, dirixida por Anxo Lorenzo, favorece o peche en 2011 de 15 destes departamentos. A eliminación das axudas e o reiterado incumprimento e mentiras desde o mes de setembro, cando anunciaron que se publicaría unha nova convocatoria “nas próximas semanas” (e pasaron case catro meses), provoca o peche destes servizos para o fomento do galego.
Hoxe mesmo, venres 30 de decembro –segundo datos facilitados polo Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega– pechan os dos concellos de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica de Bergantiños, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas, e anteriormente xa pecharon os de Dodro, O Barco de Valdeorras e Quiroga».
A mala nova completa pódese ler nesta ligazón.
E de remate o fermoso poema de Xoán-Manuel Casado, aínda de actualidade malia ser creado hai ben anos. Nunca se publicara, até que foi compilado nos «Poemas publicados e non incorporados a ningún libro» en Crónica persoal. Poesía completa 1973-2002 (edición de Xesús González Gómez), col. Arte de Trobar, Pen Clube de Galicia, 2006. O editor literario sinala en nota a rodapé:
«Poema musicado por Miro Casabella e insertado primeiro nun single aparecido en 1972 e logo no LP Ti, Galiza, Ariola, 1977».
O meu país
O meu País/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu País/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.
Que quece na lareira,/ aló na carballeira
Bota a rir.
É unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu País.
O meu País/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu País/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar
Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu Pais.
O meu País/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello e nun rapaz.
O meu País/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.
Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
É unha folla no vento/ alento e desalento
O meu País.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Música, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a «Alento e desalento / o meu País»

  1. Pingback: As crebas » Compás da Costa, unha nova xanela aberta desde e para a Costa da Morte

Os comentarios están pechados.