Os insondables misterios do mundo editorial galego (III)


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño da portada do libro)
Remata o ano e continúo a serie «Os insondables misterios do mundo editorial galego» coa súa terceira entrega. No verán do 2007 escribín un conto infantil rimado que intitulei Rebelión na Charca e no mes de setembro envieillo a Sotelo Blanco Edicións. Uns meses despois recibín a resposta afirmativa para a súa publicación, ao tempo que me comunicaban que o conto ía ser ilustrado por Ana Santiso. Foron pasando os meses (e até incluso os anos) e o 15 de marzo deste 2011 que se vai recibín o meu conto infantil xa ilustrado e maquetado, como número 13 da colección Bolboreta. De feito, na bitácora da ilustradora xa estaban reproducidas algunhas imaxes desde o 1 de decembro do 2010. Pois ben, ese número 13 resultou de malfado. Supoño que a grave crise que está vivindo a nosa cultura e o sector editorial en particular terá a culpa de que catro anos despois de ser escrito Rebelión na Charca aínda non fose publicado. Aquí vai o seu inicio, mentres a súa publicación vai na caixa dos desexos para o vindeiro ano.
REBELIÓN NA CHARCA
Era unha vez un grupo de ras, sapos
e píntegas que estaban nunha charca,
día a día xogando cos seus papos,
desde o outono, cando a auga encharca
ata o verán, que secan ben os trapos.
Os anfibios, tal trasnos rebuldeiros,
xogaban e xogaban con moita orde
e con respecto polos compañeiros.
Nunca houbera a mínima desorde,
só querían xogar, non ser primeiros.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Os insondables misterios do mundo editorial galego (III)

  1. Acuática di:

    Así deste xeito acabei colocando na miña xanela un a un os poemas do libro Cinza, e se iso se pode entender por publicación, publicados están…
    Unha desgrasia.

  2. Pingback: As crebas » Rebelión na charca xa está no prelo!!!

Os comentarios están pechados.