Son de poesía, en edición dixitalizada


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Continúa o seu excelente labor a páxina de poesiagalega.org, rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética), do que eu fixen parte nos inicios. Entre os materiais máis recentes está a edición dixitalizada do libro organizado e editado por Xoán Carlos Domínguez Alberte Son de poesía (Lisboa e Compostela: Edições Fluviais e Livraria Couceiro, 2005). Capa de Baldo Ramos. Dirección literaria da colección: Alberto Augusto Miranda. A publicación foi unha homenaxe a Antón Tovar, Manuel MaríaXela Arias e Luísa Villalta, falecidos en anos anteriores.
O volume, que se pode ler de balde nesta ligazón, logo do texto de introdución de Xoán Carlos Domínguez Alberte, divídese en catro partes: A primeira (Arredores, homenaxe a Tovar) ábrese coa ilustración de Alexandra Bernardo, seguida dos poemas de Estíbaliz Espinosa, Xulio L. Valcárcel, Miro Villar, Manuel Forcadela, Alberto Augusto Miranda e José Viale Moutinho. A segunda (Terra Chá, homenaxe a Manuel María) leva a ilustración de Pedro Gonzalves e os poemas de Ana Romaní, Salvador García-Bodaño, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Rodríguez Baixeras, Luísa Mota e Aurelino Costa. A terceira (denuncia do equilibrio, homenaxe a Xela Arias) vai ilustrada por Lois Gil Magariños e os poemas de Luz Pozo Garza, Gonzalo Navaza, Fran Alonso, Anxo Angueira, Alexandre Teixeira Mendes e José Carlos Soares. A cuarta e última (en concreto, homenaxe a Luísa Villalta) leva a ilustración de Anxo Pastor e os poemas de Pilar Pallarés, Manuel Vidal Villaverde, Bernardino Graña, Rafa Villar, Fernando Martinho Guimarães e Vergílio Alberto Vieira.
A miña colaboración foi o Soneto Habana Blues, pois Xoán Carlos Domínguez Alberte insistiu en que debería ser un poema inédito, aínda que os versos non teñen relación con ningunha das persoas homenaxeadas, malia o trato persoal que tiven tanto con Manuel María coma con Luísa Villalta. De feito, inclúese no apartado “Arredores”, de homenaxe a Antón Tovar, con quen só coincidín unha vez nun recital organizado polo profesor Xesús Alonso Montero no lugar no que asasinaron a Roberto Blanco Torres.
Soneto Habana Blues
Outra fisiognomía polo tempo estragada,
gastada no traxecto dos días e das horas.
Qué outro mundo feliz, qué infancia rememoras?
Qué misterio profundo se agacha nesa ollada?
Habana patrimonio, capital derrotada,
esperanzas que mudan en sombrizas demoras.
De brazos resignados, porque ti nunca choras,
vindicas o futuro, xornada tras xornada.
E aproveitas fragmentos diversos das ruínas
para restaurar vida, construír movemento
e avanzar lentamente no rostro que endurece.
E agardas que un fermento rebente nas rutinas
que fixeron das rúas lugar de pensamento
onde o día entretece o que a noite destece.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Poesía. Garda a ligazón permanente.