Xosé Luís Méndez Ferrín fala de Bretemada, de Gonzalo López Abente


(Premer sucesivamente na imaxe para unha mellor lectura)
Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da RAG, non só escribiu o Limiar para a nosa edición de Bretemada, de Gonzalo López Abente, tamén participou na súa presentación e nela dixo en público boa parte das cousas que di neste artigo, que se publicou no suplemento “El Sábado” do Faro de Vigo e tamén no suplemento “Saberes” de La Opinión o pasado 29 de outubro do 2011.
Bretemada
As vilas marítimas da chamada Costa da Morte estaban no pasado moi mal comunicadas co resto de Galicia. Tanto, que produciron, nos séculos XIX e XX, unha burguesía comercial, industrial e financeira autóctona. Velaí os Abente, os Miñones, os Lastres,  os Castro Rial. Eduardo Pondal Abente e Gonzalo López Abente procedían de tales estirpes acomodadas e eran parentes entre si. O mito da “fidalguía”, que atinxe froudolentamente a numerosos escritores galegos, escáchase nos cons e penedías mariñas de Nemancos.
Gonzalo López Abente (1878-1963) foi un escritor que naceu e viviu os máis dos seus días en Muxía. Licenciado en Dereito, traballou na banca até que o franquismo o expulsou do seu posto directivo. Era persoa discreta e o seu vulto facíase case invisíbel en canto viviu. Novelista e poeta, sempre en galego, pertencía a aquel grupo de autores nados da década de 1870 entre os que sobrancea Cabanillas. Continuou Gonzalo o labor de Pondal: conseguir unha lingua literaria numerosa, como di Darío, rexa, nobre e culta. Unha lingua de ouro, que seica dixera o Bardo na hora da morte. O seu libro de ancianidade, Centileos nas ondas, viu a luz en 1958 e todos considerabamos a obra de López Abente conclusa. Pois non.
Acaba de ser publicado un longo poema de Gonzalo López Abente que permanecía inédito: Bretemada, Alvarellos/Fundación López Abente, Compostela, 2011. Leva unha comprida introdución de Miro Villar.
Trátase dunha obra destinada a modificar sustancialmente o canon literario galego do século XX. Escrita entre 1917 e 1922, Bretemada é a culminación daquela poesía de carácter idealista que vimos chamando “Antre Dous Séculos”. Libro polimétrico, simbólico, distanciado de todo realismo, Olivia Rodríguez apunta, certeiramente, á estética do pre-raphaelismo como unha das balizas que poden marcar a situación de Bretemada. Como en certo Cabanillas, o pre-raphaelismo deste López Abente está posto ao servizo da Nazón, igual que o estivera o parnasianismo de Pondal. Bretemada é un poema nacionalista, ou sexa independentista, no que mesmo figura (outra vez pasa o lume do mellor Cabanillas) a violencia lídima para acadar a Libertade. Bretemada é un símbolo que substitúe idealmente a Galicia e, máis unha vez, a Patria transmútase en Matria e o poema está a esixir unha lectura crítica feminista e emancipadora. Pro non todo é texto que dialoga coa poesía europea posterior ao Realismo e Naturalismo e anterior á Vangarda.
Tamén está en Bretemada a literatura italiana do medievo e do Renacemento; e con forza.
López Abente sen dúbida (leu) o Orlando Furioso de Ariosto na súa lingua orixinal e gozou co relato do naufraxio da princesa Isabella nos penedos de Muxía. Versos famosos que parecen mesmo pintura da Costa da Morte galega en intre de tormenta. E ben, daquelas doncelas guerreiras que cruzan alucinadas polo Orlando adiante está tomada a imaxe de Bretemada cando esta belísima amada se transforma en muller combatente que cai ferida no campo. Pro non só Bradamante poido inspirar como modelo da Bretemada aguerrida que aparece no poema do muxián. Unha vez máis, xorde o precedente pondalián: “Maroñas, virxen intrépida, de maxestuoso andar…”
Pregrino, o eu poético que fala no poema adopta, en certas zonas deste, a entona do Dante na Divina Comedia, o que fai de Bretemada un precedente da voz do futuro tradutor Darío Xohán Cabana.
Non só os críticos literarios teñen diante deles un difícil e complexo labor coa análise de Bretemada. Tamén aos historiadores da política lles fai un chamamento silencioso Gonzalo López Abente. Pertenceu este, segundo parece, ao partido de Izquierda Republicana que fai urxente revisar a historia do nacionalismo galego na II República. A min gustaríame saber por que López Abente, nacionalista de primeira hora, non se integrou no Partido Galeguista en 1931 e seguiu a Casares Quiroga da Orga á Izquierda Republicana. É importante coñecer datos sobre o debate político que seguramente se deu naquela época sobre o marco partidario que o nacionalismo precisaba. O comportamento político de López Abente non é unha anomalía. A Izquierda Republicana, aínda que houbo rectificacións, foron tamén parar Antón Vilar Ponte, Roberto Blanco Torres, Somoza Gutiérrez, Elpidio Villaverde e supoño que outros, masóns coma Casares Quiroga ou non, importantes nacionalistas.

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.