Tomas Tranströmer, recibe o premio Nobel de Literatura 2011



Nesta bitácora xa demos conta e xa nos congratulamos de que o poeta sueco Tomas Tranströmer recibise o premio Nobel de Literatura 2011. Onte realizouse en Estocolmo a entrega do galardón, por esa razón aproveitamos para engadir dous videos. O primeiro é un documental, subtitulado en inglés, no que podemos ollar a Tomas Tranströmer na súa casa, pois cómpre lembrar que unha doenza o mantén en cadeira de rodas e apenas sen fala. Este documentario é magnífico na súa realización.
E para coñecermos un pouco máis a súa poesía, o segundo video recolle a lectura dunha serie de haikus ou haikais do escritor na «Homenagem do Museu Nacional da Poesia e Tropofonia ao poeta sueco Tomas Tranströmer (Prêmio NOBEL LITERATURA 2011). Haikais de Tomas Tranströmer nas vozes de Regina Mello e Wilmar Silva. Áudio gravado nos estúdios da Rádio Educativa UFMG no programa Tropofonia outubro 2011. Brasil».
A maiores, na páxina da Academia Sueca, pódese ollar toda a gravación (88 minutos) do acto que se celebrou o pasado 7 de decembro do 2011 na propia Academia en Estocolmo, que consistiu sobre todo na lectura de textos da súa autoría en presenza do Laureado e da súa compañeira.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.