Corazón de sal, letra de Marilar Aleixandre para Leilía


(Portada do disco da autoría de Xesús Carballido)
Nesta bitácora adoitamos prestar especial atención á obra das e dos poetas da Costa da Morte. Desta volta facémolo con Marilar Aleixandre, quen sempre dixo en público que non sería poeta se non for pola influencia do Batallón Literario da Costa da Morte. Se cadra hai algo de esaxero ou hipérbole nesa afirmación e Marilar sairía do casulo para ser poeta en calquera momento. Agora, con catro libros de poemas nas costas, Marilar é unha das mulleres poetas que colabora en Consentimento, o novo disco das cantadeiras de Leilía, do que se poden escoitar adiantos de cada tema nesta ligazón. Por certo debaixo de tres deles menciónase o lugar de Agransón (Muxía), se cadra porque as músicas tradicionais foron alí recollidas. Alén diso, o disco está adicado á memoria de Eva Castiñeira, cantadeira dese lugar muxián. Na presentación recollida na páxina oficial do grupo compostelán podemos ler:
«Logo de dous anos de intenso labor, poñemos das vosas mans: CONSENTIMENTO, un traballo que arrecende a muller, a terra, a coherencia e sobre todo que leva impresa a esencia de Leilía, a de respectar o pasado, pero coa vista posta no futuro.
O cambio de formación musical; a colaboración de: Mariña Pérez Rei, Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Ana Amado, Yolanda Castaño, Eva Moreda e Eva Veiga; xunto coa homenaxe á muller galega, como creadora, conservadora e transmisora da tradición oral galega, focalizado na figura de Eva Castiñeira, son os elementos diferenciadores de CONSENTIMENTO».
Velaquí a fermosa letra de Marilar Aleixandre (no disco con música tradicional de Bembibre, Val do Dubra)
Corazón de sal
Non me traias alegrías
xa teño abondo coas penas
entrei descalza no mar
a miña rede está chea.
Veñan mareas, imos cantar
non me mires, non me mires
se á noite non me has tocar
tes palabras de auga fría
eu o corazón de sal.
As miñas penas son nubes,
ao medrar en treboada
han asolagar o mar
en bágoas de auga salgada.
Veñan mareas, imos cantar
non me mires, non me mires
se á noite non me has tocar
tes palabras de auga fría
eu o corazón de sal.
A lingua chea de cinza
sen ti fico desterrida
as túas palabras de sal
aguilloando na ferida.
Veñan mareas, imos cantar
non me mires, non me mires
se á noite non me has tocar
tes palabras de auga fría
eu o corazón de sal.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía, Tradicións. Garda a ligazón permanente.