Marcos Valcárcel, in memoriam


(Premer na imaxe para agrandar este retrato feito por Antón Pulido)
E xa vai o primeiro cabodano sen a presenza de Marcos Valcárcel (1958-2010). Na súa memoria reproduzo nesta bitácora os textos que lle adiquei no volume colectivo O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos (Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense: 2009), cuxo retrato da capa é de Antón Pulido. Colaborei nesta publicación con sete haikus de Breizh, un libro que a día do hoxe aínda está inédito e introducinos con estas palabras: «Para Marcos Valcárcel, coa ollada no mar e na area de Estorde e do Sardiñeiro», pois foi neses lugares da Costa da Morte que adoitaba visitar case todos os veráns onde o coñecín persoalmente da man do poeta amigo Modesto Fraga, aínda que xa era atento lector e seguidor da súa erudita obra e tamén da súa bitácora As uvas na solaina.
I
AR-MOR
País do mar,
nos costados da vida
baten rutías.
II
BER AG RAZ / POINTE DU RAZ (I)
Digo Fisterra
e nas veas salgadas
o sangue azul.
III
BER AG RAZ / POINTE DU RAZ (II)
Soño Ker-Is,
cidade asolagada,
e esperta Duio.
IV
PEN-AR-BED
Peixes nos ollos
e acuáticas casas
que abren os brazos.
V
DOUARNENEZ (I)
Mans mariñeiras
escochando sardiñas
nun mar de séculos.
VI
DOUARNENEZ (II)
Casas de cores.
Na ollada de Renoir
nace o asombro.
VII
BRO BAGAN
Terra pagá,
de ollos faros espertos,
Costa da Morte.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.