Poemas (XX): «e entón é entón», do libro balea2, de Estevo Creus


Sempre é unha grata nova dar conta da aparición dun novo libro de poemas dun autor ou autora da Costa da Morte. Máis aínda se, como sucede desta volta, ese autor ten partillado onda nós moitas aventuras literarias no Batallón Literario da Costa da Morte. De feito, xa contei aquí nesta bitácora como coñecín os primeiros versos en galego de Estevo Creus nun colectivo denominado Un medio, que artellamos en Cee por volta de 1986. Pois ben, 25 anos despois (que se di axiña) éncheme de ledicia ler o novo libro de poemas de Estevo, intitulado balea2, que na súa colección Di-Versos publica Edicións Positivas, ese fermoso e singular proxecto editorial do entusiasta e inesgotable Paco Macías. Na contracapa do libro aparece un fragmento do limiar:
“Este libro existe gracias a meu ben querido amigo e poeta Celso Fernández Sanmartín, que xuntando a nenos de a cinco e a vellos de a 100 nunha residencia de anciáns, tiveron a ben escribirme e mandarme debuxos de baleas.

Con eses debuxos e esas experiencias tentei escribir un libro que fora para todos: poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura fora conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas.

Do que si estou certo, é de que todos estes textos nunca estarán á altura do
acontecido eses días, e de que, estea eu onde estea, e pasen os anos que pasen, eu sempre vivirei alí, con eles:habitando entre cetáceos.”
[Contracapa do libro]
E velaquí un dos seus poemas:
e entón
é entón
e entón
cando ti saibas
e eu saiba
que todo empezou
moito antes de nacer
co primeiro cometa atolondrado
ou co primeiro choque de galaxias
ou coa primeira balea
de todas as primeiras baleas
dos centos dos primeiros algo
que existiron primeiro
que as baleas
 
entón
cando ti saibas
e eu saiba
e o mundo saiba entón
que a vida é o primeiro entón
 
a vida é o primeiro
estevo creus

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Poemas (XX): «e entón é entón», do libro balea2, de Estevo Creus

  1. Pingback: Estevo Creus e a segunda balea

  2. Pingback: As crebas » Balea2, de Estevo Creus, no programa “ZigZag Diario” da tvG2

Os comentarios están pechados.