Recensión a Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán, tamén en Grial 191


Xa se falou nesta bitácora do últimonúmero, 191, de Grial, Revista Galega de Cultura, que se pode mercar nas librarías ou na edición dixital na propia páxina da Editorial Galaxia. Alén da recensión que fai Teresa Seara ao meu poemario As Crebas, tamén se publican dúas recensións da miña autoría, unha a Máxico tear natural de Xosé Manuel Lobato e a outra a Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán. Velaquí o texto completo desta última:
A erudición necesaria

Luís Seoane en Compostela e outros ensaios

Antón Capelán. Ames: Laiovento, 2010, 282 páxinas

Antón Capelán é un dos nomes sobranceiros no xénero dos estudos literarios, pois cada unha das súas investigacións posúe garantía de profundidade académica, coa erudición necesaria (á que moitos de nós temos recorrido en ocasións) e con sollidez e claridade expositiva na argumentación. Así o tesmuñan ensaios como Contra a Casa da Troia (1994), Contra a Casa da Troia (II) (1996), Diatribas manuelinas (2004), Silva de varia recensión (2005) ou a edición das Prosas completas / Dosinda Areses (1998), voz heterónima de Méndez Ferrín.

Desta volta a súa nova achega leva un título confuso ou que non sería o máis acaído na nosa opinión para anticipar o contido, pois Luís Seoane en Compostela e outros ensaios vén sendo a primeira parte do epígrafe do terceiro dos cinco ensaios. Neste pentateuco (que diría o profesor Alonso Montero) aínda hai lugar para outro ensaio sobre Seoane, aos que se engaden traballos sobre Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor e Celso Emilio Ferreiro.

Capelán é consciente da limitación do título cando o xustifica no Limiar por mor da celebración do centenario do nacemento de Seoane e sinala que a falla de estrutura non afecta á coherencia interna duns ensaios sobre catro dos máis importantes intelectuais galegos do século XX. Este Limiar convértese nun brillante ensaio a maiores, pois profunda no tema do compromiso intelectual con referencias ás súas orixes e ao seu desenvolvemento na Europa desde Emile Zola até a posguerra, así como as súas incipientes mostras no noso país nas épocas das Irmandades da Fala e da revista Nós. Non esquece Capelán subliñar a importancia da prensa para a divulgación de calquera ideario reformista ou transformador, e tamén para os sucesivos ataques e mesmo contrarreformas das posicións conservadoras. A derradeira páxina deste Limiar resume as relacións entre os catro escritores galegos citados que pertencen a promocións ou xeracións diferentes.

O ensaio inicial, “Un aspecto da propaganda franquista: Vicente Risco contra Jacques Maritain”, explica en 35 páxinas a evolución risquiana verbo do pensamento dos intelectuais católicos franceses, de maneira especial Maritain, que reaxiron contra o franquismo. Capelán repasa a diferente concepción de Risco ao rescatar as referencias a Maritain antes da guerra civil cando para o ourensán “era un dos máis importantes pensadores con que contaba o catolicismo”. A análise non se detén neste aspecto e debulla a deriva ideolóxica de Risco, que principia nos anos da preguerra cando a escisión da Dereita Galeguista, radicalizándose nos anos da guerra e na posguerra e como vai deostar nos seus escritos posteriores a obra e o posicionamento de Maritain e dos contemporáneos próximos á República. Os textos exhumados por Capelán sitúan as palabras de Risco nas beiras do falanxismo.

“A matanza de Oseira en Xente ao Lonxe” é o estudo máis completo, 76 páxinas, no que se analiza a sociedade ourensá contemporánea a Eduardo Blanco-Amor e a súa presenza na xestación da novela, con interesantes apuntamentos sobre as clases sociais e o movemento obreiro de Auria, sempre trasunto de Ourense. Unhas páxinas sobre o confronto entre o laicismo e a educación relixiosa anteceden á magnífica síntese sobre os lutuosos acontecementos de Oseira, o seu caldo de cultivo, os pormenores dos motivos da traxedia, as diferentes versións do conflito entre a ourensanía, as revoltas que provocou a matanza e as súas repercusións (a prol ou en contra) na prensa e no parlamento español. Deseguida sinala os ecos da matanza de Oseira primeiro na biografía de Blanco-Amor e logo en Xente ao lonxe. O ensaio remata facendo unha importante cala sobre a presenza do tema na retórica dos movementos agrarista e nacionalista e, por último, tamén na literatura popular e noutros escritores galegos (Nan de Allariz, Álvarez de Nóvoa, Vicente Risco, Joaquín Pesqueira, Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz-Andrade).

Luís Seoane, en Compostela. Primeiras acometidas contra a torre de marfil” é un estudo de 55 páxinas que repasa os anos estudantís (coa participación activa na FUE e nos conflitos da época) e da súa formación intelectual. A seguir prodúcese a decantación natural de Seoane que inaugura o seu compromiso político nas organizacións republicanas, procurando sempre a síntese, ou como di Capelán “a conciliación desde unha perspectiva marxista das reivindicacións nacionais galegas coas reivindicacións de clase”. Un último capítulo deste ensaio aborda a imbricación de Seoane no contexto cultural de Santiago de Compostela, as súas primeiras accións expositivas e editoriais que serían o xermolo do posterior intelectual polígrafo que foi, así como o nacemento do seu interese pola ilustración de libros e a elaboración de capas que había ser tan ricaz nos sucesivos proxectos editoriais desenvolvidos no exilio bonarense.

As 33 páxinas de “Luís Seoane visto por Blanco-Amor” testemuñan o cambio de actitude de Eduardo a partir dos anos cincuenta con respecto a Luís Seoane e outros intelectuais exiliados. Antón Capelán aproveita aquí para deitar máis luz sobre ese diálogo distante entre os emigrados e os que chegaban ao que ía ser un longo exilio. Porén, Blanco-Amor e Seoane comezaron a coincidir en moitos proxectos culturais, tanto na prensa como nas actividades das entidades da diáspora, até tecer unha mutua relación de admiración e respecto, que había ter o seu cume nos artigos que Blanco-Amor lle dedicou á obra e ás actividades culturais e literarias, velaí a longa recensión en Céltiga á obra teatral La Soldadera que Seoane publicara en 1957.

Finalmente, as 42 páxinas de “Celso Emilio Ferreiro cara á ‘Terra prometida’: as súas crónicas periodísticas da viaxe a Venezuela” exhuman os artigos non compilados que o celanovés enviou a “As nosas páxinas galegas” do xornal ABC durante a súa viaxe a Venezuela no ano 1966. Antes diso, Capelán analiza como era Celso Emilio contra ese ano 1966, cando xa era o poeta galego de maior proxección e tiña como estética dominante a poesía social. Neses episodios salienta a súa relación con outros autores, de maneira especial con Cunqueiro, que representaba unha liña temática ben diferente no discurso literario. Con respecto ás “Cartas de viaje” en ABC, conclúe que non se deben desmerecer na obra de Celso Emilio por seren impresións de primeira man sobre a emigración en Venezuela e pola súa intertextualidae con poemas de Terra de Ningures e Viaxe ao País dos Ananos.

En definitiva, Antón Capelán agasállanos coa erudición necesaria para mellor coñecermos aspectos aínda envoltos na néboa ou inéditos de catro autores fundamentais ou para contribuír a chegarmos a novidosas conclusións a respecto da evolución persoal e intelectual de cada un deles.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Recensións. Garda a ligazón permanente.